O titular de Desenvolvementos Sostible e Persoal no Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, foi chamado a declarar ao xulgado de Instrucción número dous de Lugo, a instancias da Fiscalía, por un presunto delito contra os recursos naturais, debido aos verquidos de augas residuais no río Rato, á altura da Garaballa. O edil foi citado para o vindeiro mércores 18 de xullo.
Estes verquidos xa foron a causa dunha sanción de 3.000 euros, por parte da Xunta de Galicia ao Concello, o pasado ano; ademáis de numerosas denuncias do BNG ante os medios de comunicación, e as administracións correspondentes como son Seprona e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, despois das queixas da veciñanza.
Pois ben, con estas novas no día de hoxe, o grupo municipal do Partido Popular anunciou que pedirá a reprobación de Piñeiro pola súa “ineptitude na xestión e que culmina cunha imputación por un presunto delito medioambiental”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide destaca o “desastre de xestión” que Daniel Piñeiro desenvolveu dende que chegou a súa concellería que remata co “despropósito” de que un edil vencellado a unha asociación ecoloxista sexa investigado pola comisión dunha presunto delito contra o medio ambiente, investigación que chega días despois de que Daniel Piñeiro evitase votar a favor de eliminar os vertedoiros incontrolados que hai no Concello de Lugo.
O voceiro popular destaca que todo o que “denunciamos” dende hai meses sobre a “parálise” na licitación dos pliegos dos contratos vese reflectido agora. “Non saben nin cantos pozos de tormenta teñen na cidade”, asegurou Ameijide, en relación á afirmación que realizaron dende o goberno local na que admitían que non se realizaba ningún tipo de mantemento do pozo de tormenta de A Garaballa. “E que teñen a cara dura de dicir que realizan o mantemento de todos os pozos de tomenta, menos no de A Garaballa. Ademais levan dende 2011 co contrato caducado na xestión do ciclo da auga, sen facer nada”, explicou o popular.
Antonio Ameijide afirmou que se demostra que “o único que sabe facer” Daniel Piñeiro “é xerar problemas”. O concelleiro de desenvolvemento sostible é o que máis queixas recibe dos lucenses, só por detrás da alcaldesa, e dáse a circunstancia de que “ambos son investigados e están imputados” polo xulgado por diferentes presuntos delitos.