Danip

Daniel Pérez Pereira nacera no Paradai lucense en 1934, pero era Danip para o mundo. Foi mestre. Puido ensinar na universidade pero o amor á escola non llo permitiu. A súa familia e amigos lucenses despedímolo o pasado xoves coa seguridade de dicir adeus a un especial lucense e destacado artista. Quixo a Lugo con toda a súa alma, e Lugo sempre foi o centro da súa arte.

Os lucenses sabíamos de Danip na distancia, pero puiden coñecelo persoalmente cando Alfredo Sánchez Carro creou a Asociación de Amigos da Muralla, e recuperou as “Revistas orais” para homenaxear ao monumento, e cada vez que esta “Revista” cobraba vida, Danip viña desde a Coruña a facer, en vivo e en directo, un debuxo sobre a muralla, con toque final de humor para compoñer un cadro vivo de amor por Lugo.

Sempre o acompañaba Rosita, a súa outra metade, mestra coma el, e cada visita viña ser como se gañase un xubileo vital pola alegría que lle daba volver a Lugo. Danip era o invitado fixo. Cambiaban os que falaban, os que asistían, pero Danip estaba sempre, cargado cun feixe de cartulinas e rotuladores; feliz.

Cando admirábamos a súa arte, quitáballe importancia, como se aqueles debuxos puidéramos facelos calquera de nós. As súas palabras eran sentencias, salpicadas de observacións pícaras, intelixentes, que lle facían brillar os ollos e nos descubrían o neno grande que levaba dentro. Os seus trazos eran firmes, seguros, de mestre que imparte leccións tantas veces explicadas.

Fóisenos Danip en corpo, pero quédanos a súa esencia, os seus debuxos, a súa familia, a súa lembranza. E desexamos que descanse en paz un home de paz, do que sempre gardaremos memoria garimosa dentro de nós.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com