O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este domingo o novo local social de Pousada na Pastoriza, financiado integramente polo Goberno da Deputación, que contou cun investimento total de 100.000 euros. Fixoo acompañado do Alcalde, Primitivo Iglesias, e veciños desta parroquia, que tras a apertura da placa, celebraron unha comida de confraternidade.
Campos Conde avanzou “hoxe vimos de facer realidade unha demanda dos veciños de Pousada con esta nova dotación, que contribuirá a mellorar a calidade de vida de todos eles. E facémolo, traballando sempre dende unha Deputación social, rural e coas persoas. Con este investimento de 100.000 euros inauguramos unha nova dotación da que desfrutarán todos, e que contribuirá a realizar novos proxectos nesta parroquia, como ciclos de teatro, charlas ou cursos que xa demandan os veciños como a ximnasia de mantemento”.
O Alcalde agradeceu a implicación da Deputación con esta nova dotación. “A parroquia de Pousada conta cun novo local social grazas ao investimento do Goberno da Deputación. Hoxe damos por rematado un proxecto que naceu no ano 2016, e que se converteu nunha realidade grazas ao empeño de todos os veciños desta parroquia, cos que traballamos conxuntamente para inaugurar hoxe este local “, explicou.
Investimento de 100.000 euros
As obras desta nova dotación, que se executaron en 2 fases, supuxo un investimento de 100.000 euros, que aportou integramente o Goberno da Deputación. Na 1ª fase, xa se executara no ano 2016, investíndose preto de 50.000. Este novo local social de Pousada (situado no alto da parroquia), ten unha capacidade para unhas cen persoas, no seu interior hai unha oficina para a asociación de veciños, unha cociña con grella e estufa, un almacén e servizos, e un baño adaptado para discapacitados.