O pregoeiro das Festas de San Froilán 2015, Darío Xohán Cabana, asinou no Libro de Ouro do Concello momentos antes de saír ao balcón para ler o seu pregón.
Pero antes de comezar a lectura do académico a Alcaldesa, Lara Méndez, presentaba ao pregoeiro que foi elixido por unanimidade de todos os grupos políticos que forman a Corporación, ao tratarse dunha persoa que segundo Méndez “reúne sobradamente os méritos e os requisitos para ofrecer o pregón dos festexos do San Froilán”.
Na presentación, a rexedora loubou o traballo de Darío Xohán Cabana, a quen definiu como “un brillante escritor, que impresiona en todos os ámbitos, membro da Real Academia Galega, de sona e recoñecido prestixio, que ademais leva 28 anos formando parte desta casa”. A Alcaldesa tamén fixo fincapé “no orgullo e no luxo que supón para esta administración e para todos os lucenses que Darío Xohán Cabana sexa o pregoeiro”.
Velaí o pregón completo:
Señora alcaldesa, señoras concelleiras e concelleiros, autoridades, amigas e amigos todos:
Éncheseme a boca especialmente dicindo «señora alcaldesa», porque podelo dicir é mostra clara de que o mundo cambiou moito, e en moitas cousas pra mellor, nos xa longos anos da miña vida. Cousa fermosa é, na cidade máis antiga desta vella nación que ten unha muller como poeta nacional e como símbolo máis alto da súa rebeldía e da súa esperanza, cousa fermosa é no país de Rosalía podermos dicir agora á boca chea «alcaldesa de Lugo», coma quen remoe unha mazá por fin madurecida, coma quen bebe unha auga nova que non daba chegado.
Señora alcaldesa, amigas e amigos benqueridos, despois de vinte e oito anos servíndovos como funcionario o mellor que souben ou puiden, tócame hoxe o grande honor de abrir case oficialmente estas grandes festas que, repetireino unha vez máis con Álvaro Cunqueiro, son as máis fermosas do outono galego, as máis fermosas, quero case dicir, de todas as estacións da nosa Terra, ou polo menos as máis fermosas de todas as cidades nosas, porque nelas callou en certo modo un milagre que hoxe é tradición, pero que foi a viva realidade que as formou e lles deu ese estraño sabor que seguen tendo e que sempre terán, ou tal quero esperar.
Son estas unhas festas de cidade, porque Lugo é cidade: como non o vai ser se leva máis anos séndoo ca ningunha outra cidade de Galicia! É natural que as festas dunha cidade teñan carácter puramente urbano, pois cada cousa é o que é, e fai fillos á súa semellanza. Por eso as festas das cidades se diferencian claramente das festas das parroquias agrarias, e a ninguén se lle ocorre que as festas de San Xulián de Ferrol, cidade irmá da nosa, poidan ser unha cousa parecida ás de San Miguel en Roás, miña parroquia nativa.
Pero en Lugo é ben sabido que as cousas son doutra maneira. Naceron as festas do San Froilán, tal como hoxe as coñecemos, contra finais do século XIX; naceron e empezaron a prender precisamente naqueles anos de ó redor do 1875, cando chegaba o tren a Lugo. E naceron ó redor dunha feira, pra reforzar a feira, pra darlle alegría e gallarufa á xuntanza feiral de longo radio e longa duración que todos os anos se facía nos días do patrón de Lugo por razóns económicas, como se fan as feiras todas deste mundo, que é por gañar un peso, por vender o que sobra, por mercar o que falta.
Feiras agrarias as de Lugo. Feiras do outono, coa colleita feita (o trigo, as patacas, o maíz, o viño), coas pataqueiras xa esperando pra outonar, co longo inverno á porta. Feiras das bestas e da ferramenta, feiras de labradores da contorna e feirantes e tratantes de fóra que veñen vender o que aquí non hai, que veñen mercar o que aló non teñen.
Era daquela Lugo o que podíamos chamar a capital agraria de Galicia: a máis vella cidade da nación galega era tamén a capital do oficio neolítico que lle empezara a dar a volta ó mundo había case dez mil anos en terras de Mesopotamia, onde naceu a civilización e onde hoxe se levanta a besta do salvaxismo máis extremo. Por iso as festas do San Froilán modernas, que agora nós sentimos como antigas, naceron diferentes: naceron da simbiose da cidade e do agro, da alianza instintiva do gusto e o interese das xentes que vivían no interior da muralla romana e as que cultivaban os abertos agros da rexión central de Lugo, quero dicir tamén a Terra Chá, as montañas do Leste, Terra de Sarria, Ulloa e máis aínda.
Eran aqueles tempos de esperanza e de fe no progreso, e este progreso tiña en Lugo unha faciana agrícola que ocupaba quizabes o maior espazo nas mellores cabezas do país. Eran, poño por caso, os tempos da grande Exposición Rexional de 1877, e logo os tempos do Congreso Gandeiro e Agrícola de 1896, e despois a figura benquerida do veterinario Rof Codina, e polos anos vinte do século pasado era un tren saíndo cada día da estación de Lugo cargado de becerros pra Barcelona ou pra Madrid, e logo sería aínda a FRIGSA, aquela cousa enorme que naceu en Albeiros, que tan alto chegou e tan longamente agonizou sen sabermos por que.
Así naceron unhas festas mestizas, e fóronse desenvolvendo, e eran unhas festas que xurdiran ó redor dunha feira entre urbana e rural, e quizais unha parte do misterio que hai na súa substancia estea xustamente neso. Chegaban a Lugo os labradores. Chegaban sempre como a casa propia, pero máis aínda nos días de mercado, e sobre todo nas feiras anuais, e moito máis aínda polo día de San Froilán e o Domingo das Mozas. As rúas e as prazas enchíanse con eles, con nosoutros, que viñamos da aldea cos zapatos lustrados coma espellos, a raia do calzón ben feita, con pucha nova ou con sombreiro, con saia plisada e permanente, cos brincos nas orellas e o andar un pouco receoso polos condanidos dos tacóns.
A estas festas aínda viñen eu, neno labrego de Roás, Cospeito, no corazón da Terra Chá, cando os anos sesenta aínda non escomezaran. E tería eu seis anos? Boto as contas e paréceme que cinco. Viñemos invitados a cas miña madriña, nun autobús desde Roás, desde a casa de Guerra ou do Mesón, hora e media ou tres cuartos pra unha viaxe de trinta quilómetros, e miña mai levoume á feira das bestas, pois meu avó, o papá Salustiano, era bestilleiro e viñera á feira coa súa recua, e estarían con el meus tíos Claudio e Sexismundo, pero isto xa non o recordo. O que si recordo é que o papá Salustiano me levantou pra darme unha chucha, cos seus bigotes amarelos, que ser foran de louro natural pero xa os debera ter brancos coma o pelo, e non lle daban branqueado porque os afumaba seguido cos seus cigarros de cuartarón gordos coma dedos. E en que parte sería daquela exactamente a feira das bestas? Eso si que xa non se me acorda, ou se cadra non o souben nunca, pois un neno de cinco anos que vén a Lugo por primeira vez pouco sentido topográfico pode ter; calquera día hei mirar no Progreso da época, onde estará dito directa ou indirectamente; pero os lugares son ben diferentes hoxe de como eran daquela…
Lembro, si, moito ben, pero xa con ollos de rapacete que quere ser mociño, se cadra xa con calzón longo, aqueles telderetes do vello campo da feira, por onde hoxe é a estación de autobuses… Aqueles telderetes con ferramentas e instrumentos de labranza, fouciños, fouciñas, fouces, fouzañas e gateñas, gradóns, arados, rellas soltas, cestos, enciños, sachos, rodas, cribos, vetillos, narigóns, cordas e adivais, chavellas, cádigas, estrobos, zocas, zonas de cana, zocos e madroñas, aguilladas, ferróns, tixelas, potas, potes, tangues, olas, canadas e caldeiros, redes dos queixos, gra de toxo… Digo algunhas palabras que case xa non hai, porque non hai as cousas que designan. Porque eu nacín no neolítico. Os labregos galegos que teñen, que temos sesenta anos ou máis nacemos case no neolítico. Non quero esaxerar, non direi logo que foi no neolítico; pero no espazo das nosas vidas o agro galego pasou do arado romano ó tractor de cuádrupla tracción, de munxirmos á man coma os nosos devanceiros castrexos ás salas de munxir con programa informático, da agricultura diversificada case de autoconsumo baseada na produción de esterco ó monocultivo do leite baseado no nitramón. Esto foi o cambio máis grande que houbo desde o neolítico, e incomparablemente o máis rápido. Se un neno labrego de 1960 fose posto de súpeto no mundo do 2000, seguro que lle parecía un mundo máis estraño ca se o mandaran pola máquina do tempo ó ano 1000 de Galicia, ou mesmo ó castro de Viladonga do tempo dos romanos…
Acabouse a agricultura vella, acabouse o mundo vello coa súa luz e a súa sombra, e viñeron outras luces e outras sombras, e coa agricultura vella acabáronse as feiras aquelas que con tanta estúpida nostalxia acabo de evocar. Agora non hai xugos nin peneiras, nin culmeiras nin rangueiros… Pero do mesmo xeito que os que estudaron nun seminario sempre conservan algo clerical inda que deixen de ser cregos ou non se ordenen nunca, as festas do San Froilán, nacidas do noivado da cidade e do agro, do contubernio cómplice dos burgueses, comerciantes e artesáns da cidade de Lugo e mais os labradores da Montaña e da Ulloa, da Terra Chá e a Meseta lucense, estas festas de nós conservan unha cousa misteriosa, e certamente indefinible, que as fai ben diferentes das festas da Coruña ou Pontevedra, de Ourense ou de Ferrol, de Santiago ou de Vigo.
Ningunha festa coma a nosa é tanto dos foristeiros de ó redor. Porque prá xente de Castroverde ou de Cospeito, do Páramo ou de Palas, o San Froilán é festa da casa, é cousa estritamente propia, parte do ciclo anual indíxena que ten lugar a trinta ou a corenta ou cincuenta quilómetros, pero que en realidade está no corazón da vida civil de todos os concellos e parroquias da rexión central de Lugo, agora máis extensa aínda. E ó mesmo tempo, ningunha festa coma a nosa está tan imbricada na cidade, tan intimamente conectada coas prazas e coas rúas, cos paseos, co noso espazo cotián de andar e de vivir. Non é cousa accidental, cousa que pode ser ou non ser, ou ser en calquera sitio: é cousa esencial que ten que estar no centro, no corazón urbano, e non pode ser doutra maneira porque entón non sería máis ca unha festa como hai tantas polo mundo adiante, onde a xente se divirte, si, pero non fai o que facemos nós, que non sabemos ben o que é, pero que o sentimos ben distinto. Mais canto vai durar este carácter? Pra dicilo dun xeito ben pedante, canto vai sobrevivir a superestrutura ideolóxica que é unha festa á estrutura económica que a fixo ser como é?
Porque Lugo é moitas cousas boas, pero xa non é exactamente o que se pode entender por capital agraria, gran capital agraria de Galicia. Tal cousa non existe xa. É ben verdade que en Lugo hai unha gran facultade de Veterinaria e excelentes escolas de ciencias agrarias e forestais, pero… Un monocultivo leiteiro invadiu a nosa Terra, e especialmente as terras chás ou onduladas da rexión de Lugo; os malfadados eucaliptos resistentes á xeada poboan ricas agras de outrora e fértiles veigas onda os ríos, e ata agabean polos montes onde antes eran toxos que cocían o pan e facían esterco, agora totalmente inútiles, a poboación segue rebendo, as casas esboróanse… Non é nostalxia, non. Ou non é só nostalxia. Vivimos nun mundo mal feito, vivimos nun país mal feito. Eu vou polas parroquias do concello de Lugo, que son máis de cincuenta, e vexo o que hai: algo de gandaría, apenas nada de agricultura. Agricultura no sentido propio, que consiste esencialmente na produción de vexetais pró consumo humano. Dixo hai poucas semanas Xosé Carlos Carreira: en Galicia producimos leite pra vinte millóns de persoas, e importamos o 50% da comida que comemos. E agora mesmo o leite hai moitos problemas pra vendelo por un prezo sostible. A angustia vímola hai un mes ó redor das murallas en forma dunha inmensa riola de tractores…
Eu non son quen pra dicirvos qué se pode facer, nin é este o lugar nin o momento. Pero direivos: teño un soño. Soño unha Galicia posta en pé, dona do seu destino, que coma esencialmente o que produza, e que produza máis aínda pra que fóra saiban o bos que son os espárragos da Ulloa, os figos de Quiroga e as mazás de Adai e de Orbazai. Soño con pradarías pra gando de leite e mais de carne, e belas agras con patacas, e grandes hortas con cebolas, pementos e tomates, e invernadoiros pró mal tempo, pra adiantar a primavera e prolongar o vrao. Soño unhas fábricas de queixo que lle ensinen a Francia como se fai o queixo, despois, eso xaora, de aprendermos nós deles o moito que nos poden ensinar. Soño, naturalmente, con viño da Ribeira Sacra, pero tamén coas peras e as cereixas da Ribeira de Piquín, que outrora non había estradas pra levar ós mercados, e agora que hai estradas xa non hai peras nin cereixas. Soño con mel, con marmeladas, con pexegos en conserva, con ovos de galiñas ceibas… Soño unha agricultura sustentable, sabiamente moderna, intelixentemente diversificada, con sentido ecolóxico, con prudente consumo de enerxía. Soño cunha potente primavera e cun verán cumprido, e soño cun outono que se coroe cada ano no San Froilán de Lugo, nesta antiga cidade de novo convertida plenamente en capital agraria de Galicia e en centro industrial, cultural e de servizos dunha gran comarca que veña a Lugo polo San Froilán como se vén á propia casa.
Vós saberedes perdoar que un vello neno labrego, ou con malas palabras un desertor do arado, suscite diante vós tanta nostalxia de futuro. Van empezar as festas singulares, as festas urbanas máis agrarias que hai na nosa Terra, e case non dixen nada delas. Nin tan sequera vos falei do polbo, que é case que un pecado non facelo, nin me acordei de Barriga Verde nin doutros personaxes populares máis ou menos felices, nin pregoei as excelencias concretas do programa deste ano, nin dei os consellos de rigor relativos ás doses convenientes de viño, de cervexa e doutras bebidas potencialmente perigosas se non se tratan con prudencia, nin dixen nada de Froilán e o lobo, nin invoquei o deus da choiva pra que se absteña de pingar deica o 13 de outono. Creo que non estou á altura da vosa confianza. Unha confianza, señora alcaldesa, señoras e señores concelleiros, que así a todo vos agradezo infinitamente, máis aínda pola delicada e xentil unanimidade con que quixestes honrarme e agarimarme cando me designastes pra esto que agora vou facer por fin: declarar oficialmente abertas as festas do San Froilán de Lugo deste ano 2015. A vós, amigas e amigos todos, grazas pola vosa presenza e sobre todo pola vosa paciencia. E agora que soe a música, que estoupe a pólvora, que os cabaliños dean voltas, que escintile a alegría, que a fraternidade quente os nosos corazóns, e que esa fraternidade universal nos lembre sempre que entre nós hai xente que vén aquí buscar a vida que non atopa no país natal. Eles son nosos irmáns, e esta cidade que se preza e chufa de ser hospitalaria débeo ser inda máis con quen máis falta ten de acollemento, de axuda na necesidade, e tamén, e mesmo quizabes sobre todo, de cortesía e de respecto, dun sorriso amistoso e unha palabra amable. Amigas e amigos, viva Lugo, viva o San Froilán.