De Francia a Rusia nas novas propostas de Codex

Malmkrog de Cristi Puiu e Entre rosas de Pierre Pinaud son dúas propostas diferentes que mostran a riqueza do cinema europeo.

Vladimir Soloviev foi un dos filósofos e teólogos máis importantes do século XIX. As súas obras xiraban arredor da condición humana, do ben e do mal e da natureza da vida. De grande influencia nos anos de decadencia da Rusia zarista, sempre avogou por unha nova relixión unificada que acabase coas circunstancias políticas, xerando grandes polémicas con moitos pensadores do seu tempo, sendo unha das máis coñecidas a que tivo co gran Lev Tolstoi. Os tres diálogos e o relato do Anticristo foi unha das súas últimas obras, unha desas reflexións absolutas sobre o divino e o humano que agora, o cineasta romanés Cristi Puiu adapta libremente 120 anos despois. A partir dos diferentes relatos que conforman esta obra, Puiu constrúe toda unha intriga arredor dun grupo de aristócratas que se reúne nunha mansión na actual Romanía para pasar as festas de fin de ano. Alí, o que comeza sendo unha celebración con xogos e diálogos inocentes, termina por converterse nunha tensa discusión sobre a moral, a política, a vida e a morte.

Cristi Puiu é un dos cineastas máis reputadas da chamada Nova Onda do Cinema romanés. A súa película A morte do señor Lazarescu converteuse nun hit de Festivais coa súa crítica sen concesións ao sistema sanitario do seu país, e que afundía a súa mirada nos problemas estruturais de Romanía e de Europa como civilización. Os seus filmes sempre son longos retratos dunha situación moi concreta, onde o aparente realismo da súa proposta estética remata por converterse nunha especie de delirio buñueliano sobre os desexos e frustracións dos seus protagonistas. Con Malmkrog, Puiu acada a súa mellor película ata o momento, universalizando os seus temas e cunha profundidade dramática e psicolóxica máis ampla. O filme gañou o premio a mellor director no Festival de Berlín do ano pasado, para meses despois estrearse en España no marco do Festival de Sevilla, onde conseguiu o galardón ao mellor filme a concurso. Entre os fitos do filme tamén destaca o ser elixida entre as dez mellores películas do ano pola prestixiosa revista Cahiers du Cinéma, a máis importante no eido da crítica cinematográfica.

Lonxe das pretensións estéticas e filosóficas de Malmkrog, tamén se estrea esta fin de semana Entre rosas, unha comedia moi francesa de Pierre Pinaud. De estética amable e a sempre fiable lista de actores do cinema francés, estamos ante un retrato alegre e disparatado dunha muller, a mellor florista do país que ve como a internacionalización do mercado, o auxe de internet e a aparición das novas tecnoloxías destrúe o seu negocio. A película narra os feitos que a levan a tratar de cambiar esa situación e seguir sendo relevante nun mundo cada vez más esixente.

Desde unha proposta aparentemente inofensiva e sen deixar de lado en ningún momento o seu ton agradable e positivo, Pinaud consigue reflectir os cambios radicais que se están producindo no mundo durante estes últimos anos de crise económica e modificacións do sistema laboral e produtivo. Unha comedia que, ao igual que as mellores representantes do seu xénero, non perde de vista os dramas do mundo no que ten lugar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com