As vacacións relaxarannos ou non segundo enfrontemos os pequenos acontecementos de cada día, sen sufrir en demasía polos non favorables disfrutando dos placenteiros.
Comezando abril, viaxar a Ibiza gratifica se o tempo axuda e a curiosidade florece, porque unha semana no paraíso libertario doutrora, sen o agobio de multitudes do verán, permite analizar contrastes, disfrutar paisaxes, descubrir recantos e comprobar de novo que camiñar case vagabundeando é perfecto xeito de achegarse á realidade de xentes coma nós, en terras coma a nosa.
Resulta grato comprobar que o efecto balsámico do descanso continuou cando unha avería no avión nos obrigou a oito horas de espera no aeroporto de Ibiza sen a necesaria claridade informativa, o que provocou que unha minoría inquedamente agresiva se volcase de xeito impropio co persoal do aeroporto que intentaba tranquilizalos, con individualidades proclives á protesta que atopaban eco en levantiscos secuaces aos que só lles faltou cantar “A las barricadas!” para caldear o ambiente.
Os da maioría silenciosa gardamos silencio por estimar que vociferando non se consegue nada, por conformismo resignado ou por pensar que nun territorio polo que cada día transitan milleiros de persoas, no que a tecnoloxía goberna, os máis interesados en que todo funcione correctamente son os servidores do complexo servizo,
Tras o descanso forzado, volveu funcionar con precisión matemática tanto o mecanismo do Imserso como o reloxio vital dos que non estamos sentados sobre un barril de pólvora; dos que imos descansar, e conseguímolo