Estes días vólvese falar do Copago de medicamentos, e o tema xa acalora os diálogos políticos, as redes sociais e as redaccións dos medios informativos. De novo, porque o do Copago xa orixinou ben fortes discusións cando se impuxo para intentar racionalizar o consumo e polo tanto o gasto dos medicamentos por parte da Seguridade Social.
Tendo en conta que se os medicamentos lle costan algo ao enfermo, por pouco que sexa, este axustará mellor o seu consumo, está ben pensado o copago porque corresponsabiliza aos usuarios, non desperdiciando medicinas, e contribuíndo nunha pequena parte á súa financiación. O Copago, así instituído, mal que nos pese e nos doa, é unha fórmula que pode facer sostible o inmenso custo dunha partida de importe multimillonario da Seguridade social hispana, que está considerada á altura das mellores do mundo.
Trátase agora de perfeccionar o sistema, e tampouco hai moito que dicir ao respecto se o axuste se fai con sentidiño, con equidade, xa que se ata agora o custo repercutido se facía con arranxo a unha escala de tres niveis, preténdese pasar a unha de cinco para escalonar máis os importes repercutidos.
Ata agora, pagaban polos medicamentos a mesma porcentaxe os pensionistas de entre 18.000 a 100.000 euros ao ano. E agora preténdese que este tramo de 18.000 a 100.000 se fragmente racional e razonablemente, de maneira que se apliquen porcentaxes diferentes de 18.000 a 30.000; de 30.000 a 60.000 e de 60.000 a 100.000, co que quen máis cobre máis terá que pagar e os titulares das pensións máis altas terán que aboar máis que o dez por cento actual. Pouco que obxectar a esta fragmentación, se o incremento de custos se fai de xeito racional e non se atopa un mellor sistema de racionalización do consumo.
Porque estamos falando de medicamentos, si, necesarios, vitais para persoas aqueixadas por enfermidades. Pero estamos falando tamén dun sistema que hai que manter equilibrado e no que, se non somos capaces de consumir racionalmente, e sabemos que non o somos, fan falla medidas coma esta para que siga existindo ao servizo de todos; cada un segundo as súas posibilidades.