Aínda non pensando que haxa relación entre estes feitos, chama a atención a coincidencia de actividades culturais no cemiterio de San Froilán coas visitas ao antigo Cuartel de San Fernando, polo especial turismo que desde Lugo se fomenta.
É certo que hai cemiterios monumentais, como o antigo de Mondoñedo, coa fermosura dos seus nichos e as personalidades que dormen alí o último sono, ou o de Noia, monumento nacional, con laudas sepulcrais gremiais da Idade Media. E o de Lugo ten elementos funerarios de interese, e hai anos que o Concello o convertíu nun punto de atracción, celebrando nel actividades culturais, prolongándose este ano fóra da festa dos Defuntos.
Resultan curiosas, en cambio, as visitas organizadas ao antigo Cuartel de San Fernando, que parece despertaron interese entre os lucenses, dos que sen dúbida se agarda formulen propostas para decidir cal vai ser o destino dun vello cuartel que agora é visitable case como unha despedida fúnebre. E Lugo non pode permitirse o luxo de deixar botarse a perder unha instalación coma esta, en pleno corazón da cidade, que estamos deixando apedrar como todo inmoble sen vida no interior.
Puido ser Museo da Romanización da romana cidade de Lugo, esa cidade sobre a que camiñamos e que nos ten proporcionado tantísimas probas da súa existencia a través de innumerables agasallos arqueolóxicos que agardan un lugar para exhibirse dentro dun conxunto, dun contexto que dea idea do que Roma significou para o nacemento e evolución da cidade, e do que de Roma pervive arredor e debaixo de nos.
Torceuse o tema do Museo, e pensouse nun colexio no centro, agora que dentro de murallas viven cada vez menos persoas. Tampouco se apreciou viabilidade. E, en tanto as administracións se poñen de acordo, aprovéitase para que os lucenses comproben o seu estado ruinoso, e evidenciar que non hai verdadeiras ganas de solucionar o problema.
No turismo dos cemiterios móstrase a especial atención dos vivos en relación coa memoria dos mortos. En San Fernando, destino turístico temporal, o que se aprecia é a lentitude burocrática, a falta de diálogo, a inacción, e a falta dun proxecto de futuro consistente.