A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, repasou este xoves no seu discurso do pleno do Estado do Municipio os piares básicos da acción do seu Goberno, baseado nunhas permisas irrenunciables perseguidas de maneira transversal: poñer á persoa como protagonista de calquera acción. Por iso, tal e como admitiu a propia rexedora, gran parte do labor deste Goberno foi o vinculado a conseguir financiamento, alcanzando nun tempo récord uns 22 millóns de euros de Europa, 1,2 millóns por mes, “que teñen que servirnos para mellorar a vida do veciño”. Así conseguíronse os proxectos Lugo+Biodinámico, Lugo Smart City, Muramiñae, e hoxe se mesmo se publica no DOGA a subvención de redes térmicas de biomasa.
Lara Méndez analizou a situación da cidade cunha radiografía de datos e información por áreas das accións realizadas, sirvindo de balance dos 18 meses que Goberno leva tentando “ser útil para a xente de Lugo”.
Nesta liña cabe destacar un tema imprescindible para o Goberno, como é a mobilidade. Por iso, Méndez avanzou que se cambiará o criterio e forma de acceso ao centro, co obxectivo de diminuir a cantidade de coches que circulan dentro da Muralla e o seu percorrido. A proposta será concretada no 1º trimestre do vindeiro ano e levará parella unha redución de horarios e limitación das zonas de carga e descarga. “Lugo precisa dunha mobilidade que camiñe sempre á beira da sostibilidade”, asegurou a rexedora. Parte imprescindible na mobilidade é a Policía Local, que o Goberno está a modernizar para facela efectiva e dar resposta ás necesidades do século XXI.
No que se refire a infraestruturas, a Alcaldesa anunciou que o Goberno levará na proposta de Orzamentos 2017 un Plan de Barrios dotado con máis dun millón de euros para realizar pequenas actuacións que axuden a facer un Lugo máis amable. Tal e como explicou a Alcaldesa, “este plan nace con vocación de levar un desenvolvemento humano máis parello nos diferentes barrios. Ademais é o resultado de multitude de contactos coa xente, coas asoociacións e busca ser resposta a multitude de propostas plenarias dos diferentes grupos políticos”.
Castiñeira afirma que o concello vai “á deriva”
Xaime Castiñeira voceiro do PP, tomou a palabra para cualificar esta tarde no debate do estado do municipio de “tempo perdido e de seguir a deriva” en alusión ao equipo socialista do Concello de Lugo. O popular salientou que “cando un non sabe a onde ir é difícil chegar á meta” matizando que “iso é o que lle pasa ao goberno de Lara, non ten un modelo de cidade e toma decisións a golpe de improvisación, perdendo oportunidades para situar a Lugo no lugar que merece”.
O voceiro popular criticou o déficit de xestión “que pasa factura aos lucenses xa que “seguen paralizados os vellos proxectos urbanísticos, non se dan solución a problemas como o da ORA e tampouco hai avances no novo modelo de transporte”
O popular pediu autocrítica á alcaldesa para que “deixe de apuntar a Montoro como culpable dos problemas do Concello” recriminándolle que “faga continuísmo das políticas do seu antecesor: nin puxo coto ao furor privatizador nin foi quen de reorganizar o cadro de persoal”
Castiñeira rematou a súa intervención reclamando “prudencia para non arruinar o presente con decisións improvisadas e consenso para encarar o futuro e conseguir que en 2017 haxa un cambio radical que devolva a confianza dos lucenses na administración más próxima”
Lugonovo abre as portas a un pacto de goberno das forzas de esquerda
O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, rematou a súa intervención no Pleno do Debate sobre o Estado do Concello abrindo as portas a un posible pacto de goberno sempre e cando o executivo acade a alianza co resto das forzas da esquerda.
“Estamos dispostos a sentarnos en torno a unha mesa a dialogar sobre o futuro do goberno, contando co resto das forzas de esquerda que a auparon a alcaldía. Este é o momento da responsabilidade e por nós non vai quedar. Cremos que, todos xuntos, temos a capacidade de que esta lexislatura non se perda”.
En canto á mobilidade, os edís de Lugonovo, cren que o goberno só foi capaz de dar bandazos. “De nada serve inaugurar hoxe un cojinete por alí ou poñer mañá unha vía a 30 por alá, se non existe un proxecto definido para a cidade. Un plan de mobilidade sustentable, aberto e agradable para as persoas e non un caos de tráfico, onde o transporte público non se axusta ás necesidades reais dos veciños sen visos de cambiar, sen estacionamentos nin disuasorios, nin regulados, nin vixilancia, nin seguridade urbana”. Enfatizou.
BNG “edificio a medio facer”
O voceiro do BNG-AA Rubén Arroxo, pediu que Lugo sexa unha cidade “preferentemente peonil” e para iso é neceasrio peonalizar a rolda da muralla “ non nos cansaremos de soñar en poder camiñar arredor da muralla sen vehículos a motor. Tamén demandou un rural “ cos seus servizos cubertos” e solicitou que se construa en Lugo un rocodromo de nivel internacional para a practica da escalada.
Cidadáns plantexa “Unha moción de censura”
Sorprendeu a proposta de Cidadáns, que por boca do seu concelleiro Exposito, soupemos que o seu partido plantexou aos demais grupos político unha moción de censura contra Lara Méndez, claro que de seguido dixo que con dous concelleiros pouca moción podían facer e pediu responsabilidade aos demais grupos.
ACE-EU “so sería peor se gobernara o PP”
Carlos Portomeñe representante de Ace-Eu no concello, dixo na súa intervención que o goberno non tiña proxecto e que so un goberno do PP sería peor que o actual.
O concelleiro afeou a alcaldesa dicindo que sempre buscaba como chíbo expiatorio ao ministro Montoro e aos seus recortes, “A lei Montoro é nefasta, un cáncer para os concellos, e niso coincidimos, pero non pode ser a desculpa para todo o que non se fai ou se deixa de facer por falta de vontade política”.