Paco Pestana, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro son os protagonistas das tres obras que hoxe, o debuxante Siro, doou ao Museo Provincial de Lugo e que xa forman parte do catálogo de pezas do Museo. Tres retratos realizados en tempera de persoeiros moi coñecidos luceses.
A Deputada de cultura, Pilar García Porto, foi a encargada de recoller estas obras e de agradecer a implicación e a xenerosidade de Siro con todos os lucenses, coa doazón destas pezas. “Para nós é unha honra e un orgullo que os museos da Rede Museística da Deputación poidan exhibir pezas dun dos mellores artistas galegos. O seu traballo ao longo de todos estes anos é un verdadeiro agasallo para a nosa cultura, e para todos os galegos”.
A Deputada lembrou que “o Museo Provincial xa acolleu no mes de novembro, a primeira gran retrospectiva deste caricaturista, unha colección que repasaba a vida e obra deste artista a través de máis 50 de obras. Unha mostra que recoñecida a ampla traxectoria de Siro que abrangue dende a caricatura, a ilustración, a pintura ou o deseño”.
García Porto definiu a obra de Siro como “a dun herdeiro de Castelao, pero ao mesmo tempo é creador dun estilo propio. Siro é, ante todo, un humorista gráfico. Un artista que, ao longo de case 50 anos, soubo reflectir de forma cómica a realidade histórica, social e cultural de Galicia e de España. Fíxoo a través das súas colaboracións diarias na prensa, sobre todo no xornal La Voz de Galicia, no que foi desvelando en clave de humor o acontecer diario da vida política española”, resumiu.