Décimo aniversario da licenza do Garañón

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, lembrou esta mañá que se cumpren xusto 10 anos da concesión da licenza por parte dun Goberno socialista para construir as torres do Garañón e seis das dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obrigan a tiralas, polo que reprochou a actitude tanto da alcaldesa, Lara Méndez, como do seu concelleiro de Urbanismo, Daniel Piñeiro, “tratando de dilatar o inevitable proceso de derrubo dunha aberración urbanística que nunca se debeu construír”.

“Comprendo que o señor Piñeiro fillo, por unha razón sentimental, non queira tirar as torres do Garañón tendo en conta que foron autorizadas no ano 2008 por un Goberno socialista presidido polo señor Orozco e do que formaban parte, entre outros, o señor Liñares, o señor Besteiro e o señor Piñeiro pai, pero sorpréndenos que a alcaldesa, Lara Méndez, que anunciou que pensaba derrubar as torres neste mandato renuncie agora a tiralas e se declare rebelde e insubmisa ante as sentenzas firmes do TSXG”, afirmou Olga Louzao.

A voceira de Cidadáns chamou a atención sobre o feito de que a Comisión convocada para o vindeiro luns, día 26, coincida xustamente coa data na que foi concedida a licenza para a construción das tres torres de nove alturas cada unha a carón do Parque Rosalía de Castro (26 de marzo de 2008) e con ironía afirmou que “non podían a alcaldesa e o señor Piñeiro escoller mellor data para a convocatoria da Comisión e celebrar deste xeito tan insigne efeméride”. Por iso, propúxolles, incluír dentro da orde do día da reunión a celebración de diversos fastos, incluído un acto con colocación de placa conmemorativa e ramo de rosas aos pés dos esqueletes das torres en lembranza “dos que permitiron tal adefesio”.

Para ACE-EU, unha dilación inxustificada

Pola súa banda, o grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida (ACE-EU) confirmou hoxe tamén que “non existe incoación do expediente de reposición da legalidade que a alcaldesa está obrigada a abrir” o que, para esta agrupación, “proba a dilación inxustificada na execución das tres sentenzas do TSXG” que anularon as dúas licenzas das Torres do Garañón e a ordenación urbanística da zona.

“Os informes dos servizos de Enxeñería e Arquitectura sobre as licenzas anuladas poñen directamente en dúbida as dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, algo que nos parece inaudito e gravísimo. Ademais, para maior gravidade, o goberno está actuando coma se non existise a terceira sentenza firme do mesmo TSXG que anula toda a ordenación urbanística da zona e polo tanto, coma se o PERI seguise vixente, traballando directamente en contra dunha resolución xudicial. O planeamento urbanístico foi declarado contrario a dereito e polo tanto non aplica, a demolición debe ser total e para executala non é preciso ningún informe da Xunta”, aclara o concelleiro Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com