Declaracións de Jaime Castiñeria á renuncia de López Orozco

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que a renuncia do candidato socialista, José López Orozco, “confirma o que nós anunciamos o día 22 de febreiro: que era unha fraude porque el sabía perfectamente que non volvería ser alcalde”.

Nesa liña, asegurou que “demostrouse que todo era unha tapadeira porque claramente o PSOE se estaba aproveitando de López Orozco e el deixábase aproveitar, por así dicilo”. “É unha decepción clara que comparto con todos os lucenses”, salientou, ao tempo que indicou que “agardaba moito máis do candidato socialista despois de todo o que aguantou ao longo destes anos”.

Tivo innumerables ocasións onde claramente debería ter dimitido e despois de todos os casos de corrupción que houbo, tanto do señor Liñares como das súas imputacións, cunha folga de lixo… innumerables ocasións onde si debería ter dimitido e agora cando el se presenta como candidato á alcaldía e non obtén o resultado que el agardaba, di que se vai”, asegurou Jaime Castiñeira, para quen “iso é non ter valentía nin saber asumir a responsabilidade que lle corresponde”. “Coa súa marcha, escolleu a opción máis fácil para el, pero non a mellor para os lucenses nin a que lle correspondía asumir”, zanxou.

Por outra banda, o popular destacou que “estar na oposición non é gobernar pero é tan digno como estar no goberno porque é representar aos votantes que te elixiron”, ao tempo que incidiu en que “é triste que despois de 16 anos ao fronte do Concello, se confirme que López Orozco o abandona pola porta de atrás”. “Xa lles pode explicar aos lucenses, e eu agardo que o faga mirándoos aos ollos, o porqué se vai”, aseverou.

Ante a suxerencia de López Orozco de que sexa Lara Méndez a candidata socialista para o pleno de investidura, Jaime Castiñeira cualificou de “o colmo da situación” e continuou O que nos propoñen é unha persoa que nin coñece Lugo e que os lucenses tampouco coñecen”, asegurou o candidato popular, quen cualificou de “engano total, no que Orozco colabora totalmente”. “Medo me dá se este é o novo modelo de política socialista, baseado na fraude e no engano, apañados imos os lucenses, os galegos e os españois”, aseverou o candidato popular.

Por último, en respostas a preguntas dos xornalistas, o popular tamén confirmou que “temos moi claro que os nove concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular, que gañamos as eleccións, tomaremos posesión o sábado” e “se non nos deixan gobernar, o que imos facer é traballar dende a oposición como viñemos facendo estes últimos anos: demostrámolo e seguiremos demostrándoo, cun traballo leal cos lucenses”. “Eu presenteime como candidato e asumirei, se os demais partidos mo permiten, a responsabilidade que me corresponde: onde os lucenses me colocaron foi para gobernar, tanto agora como hai catro anos”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com