A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as catro resolucións polas que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nun total de 29 comarcas galegas. É a segunda ocasión na que a Xunta recorre a este instrumento, de carácter provisional e extraordinario, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.
As circunstancias extraordinarias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos. Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.
Así, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.
Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2021-2022 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.
De igual xeito, nas comarcas en emerxencia cinexética temporal poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial, persoalmente ou mediante terceiros, con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.
As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 29 comarcas (7 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 2 en Pontevedra) que comprenden 198 concellos (50 deles coruñeses, 53 lucenses, 87 ourensáns e 8 pontevedreses) e un 68,4% da superficie total de Galicia.
A vixencia destas declaracións estenderase desde mañá —data de entrada en vigor das catro resolucións— ata o 27 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza establecido para o xabaril durante a tempada 2021-2022. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, no momento no que se constate que desapareceron as causas que motivaron a declaración da emerxencia.