Declarada Iniciativa Empresarial Prioritaria a nova planta de Cafés Candelas en Lugo

O Consello da Xunta declarou como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Cafés Candelas para a construción dunha nova planta no polígono industrial das Gándaras (Lugo). Con esta iniciativa, a compañía ten previsto investir máis de 14 millóns de euros na procura de mellorar a súa produtividade.

Neste sentido, cómpre destacar que a futura infraestrutura -localizada nunha parcela de preto de 18.000m2 na que se construirá unha nave de 9.900m2-, permitirá multiplicar case por tres a capacidade produtiva da empresa, pasando das 25 toneladas diarias que se elaboran na actualidade ás 65 previstas coa nova planta.

Este fito contribuirá á internacionalización da compañía mediante o incremento das exportacións, sobre todo a mercados da Unión Europea, o que complementa e reforza a súa xa importante presenza internacional, con delegacións en Porto, Andorra e Nova Iorque.

Así mesmo, o sistema produtivo adaptarase a tecnoloxías propias da Industria 4.0 en ámbitos como o almacenamento da materia prima ou o automatizado da embalaxe, e primaranse tamén formatos sostibles priorizando o ecodeseño, a reciclaxe, a valorización de residuos, o uso de enerxías renovables e a loxística eficiente.

O proxecto -que inclúe a creación dun centro I+D+i para o desenvolvemento de novos produtos con base de café-, impulsará tamén o emprego con 40 novos postos de traballo indefinidos, dos que o 40% corresponderán a mulleres, e 80 empregos indirectos.

Esta declaración -aprobada no Consello da Xunta a petición do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia segunda- enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

O proxecto súmase ás once Iniciativas Empresariais Prioritarias xa declaradas como, por exemplo, as lideradas na provincia de Lugo por Oviganic (Monforte de Lemos), Bionerxías de Lugo ou Agroamb Prodalt (Castro de Rei).

Neste marco, os investimentos totais programados polas empresas roldan os 560M€ e o compromiso de xerar máis de 530 postos de traballo. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder  ao solo empresarial.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da Oficina Doing Business, creada pola Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com