Onte o Presidente de Cuba Raul Castro Ortíz lía o seguinte comunicado: Con profunda dor comparezo para informar ao noso pobo, aos amigos da nosa América e o mundo, que hoxe 25 de novembro do 2016, ás 10.29 horas da noite, faleceu o Comandante en Xefe da Revolución Cubana, Fidel Castro Ruz.
En cumprimento da vontade expresa do compañeiro Fidel, os seus restos serán incinerados.
Nas primeiras horas da mañá do sábado 26, a Comisión Organizadora dos funerais brindará ao noso pobo unha información detallada sobre a organización da homenaxe póstumo que se lle tributará ao fundador da Revolución Cubana.
“¡Hasta la victoria siempre!”
Fidel Castro Ruz era fillo dun emigrante galego que marchara para Cuba, Angel Castro Argíz e da súa segunda esposa Lina Ruz González filla de emigrantes españois. O seu pai nado no lugar de Armeá no municipio lugues de Láncara era de orixe humilde, pero alcanzou unha boa situación económica na Cuba postcolonial.
Castro accedeu ao poder logo do triunfo da revolución o 1 de xaneiro de 1959, despois de derrocar ao sátrapa Fulgencio Batista.
En febreiro de 2008, e despois de 49 anos a fronte da república cubana, o mandatario anuncia que non se presentará á reelección e o 24 do mesmo mes é elixido polo Congreso Cubano, como presidente, o seu irmán Raúl Castro Ruz.