Durante as noites da fin de semana, do 13 ao 17 de agosto, os membros do Grupo Operativo Nocturno, en coordinación cos da Unidade de Atestados, levaron a cabo numerosos dispositivos, en varios puntos da cidade e a diversas horas, para controlar o cumprimento das medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria polo COVID-19, vixiando especialmente varias zonas que os mozos frecuentan para facer o que comunmente se coñece como “botellón” e, a partir das 00’00 horas do día 17, que se dese cumprimento á prohibición de apertura dos locais de lecer nocturno e que o resto de establecementos de hostalería e restauración non prolongasen a súa actividade máis aló das 01’00 horas.
Na maioría das ocasións, os intentos de “botellón” quedaban desbaratados pola simple presenza policial, aínda que houbo lugares nos que foi necesaria a intervención policial, como ocorreu en rúa Vía Láctea, onde foi necesario que os policías procedesen á identificación e denuncia de sete mozos por consumir alcol na vía pública. Os axentes observaron que neste grupo existía certa relaxación nas medidas de seguridade, tales como o incumprimento da distancia mínima interpersoal ou o uso inadecuado da máscara. Como consecuencia dos dispositivos organizados, instruíronse dez (10) denuncias por non facer uso da máscara obrigatoria, ou facer uso inadecuado da mesma (levándoa baixo o queixo).
Outro dos infractores, presumiblemente baixo a influencia do alcol, tamén tivo que ser denunciado por infracción á Ordenanza de Circulación, xa que deambulaba pola calzada entre os vehículos, facendo caso omiso ás indicacións que lle daban os axentes.
Instruíuse tamén outra denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, ao manifestar unha das persoas identificadas que “non lle daba a gana de poñerse a máscara, que a poñía cando lle daba a gana, que quen se cría o axente para falarlle a el…”
Os días 14, 15 e 16 os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio procederon á denuncia dun local da rúa Tui, o cal incumpría o horario máximo de peche, achándose aberto ao público e en plena actividade o día 14 ás 7’22 horas; o día 15 ás 7’55 horas e o día 16 ás 9’45 horas.
Ago 17, 2020 - 09:56 PM
Un poquito de pintura….