O Deporte e a diversión serán os protagonistas da oitava edición dos campamentos de verán da Lumieira Cup 2016, que se desenvolverán do 4 ao 29 de xullo no Concello de Lugo.
Durante o acto de presentación do evento, o concelleiro de Deportes, Miguel Fernández destacou que “neste campamento contémplanse máis de corenta modalidades deportivas, como judo, baloncesto, padel, piragüismo, entre outros; todo nun ambiente lúdico, no que os rapaces e rapazas aprenden realizando actividades deportivas ao tempo que se fomentan os valores de solidariedade, o respecto ou o esforzo”.
Por outra banda, a concelleira de Benestar, Ana González Abelleira explicou que “estas actividades facilitan a conciliación familiar e que se financian 8 prazas para nenos e nenas con discapacidade, para que poidan conseguir esas habilidades sociais”.
O campamento está dirixido a 200 nenos e nenas, 50 por semana, de 5 a 13 anos e desenvolverase de luns a venres, de 9:30 a 19:30 horas, en diferentes instalacións, con punto de partida dende a Facultade de Formación do Profesorado.