A área de Deportes programou xa, a inicios desta semana e con carácter urxente, a substitución dos filtros de tratamento da auga da piscina climatizada de Frigsa, logo de que o pasado domingo se detectase nela unha avaría.
A deficiencia derivou da rotura dun destes compoñentes que supuxo a perda de 150.000 litros de auga no vaso máis profundo das instalacións.
“Dende o mesmo momento que se tivo coñecemento da incidencia o persoal técnico acudiu ás dependencias para coñecer a orixe da problemática e tentar atallala. Unha solución que pasou pola reparación inicial dos aparatos afectados entre os que se inclúen as bombas de impulsión”, explicou o edil quen tamén fixo referencia á antigüidade dos equipamentos, instalados no ano 90, cando se inaugurou o recinto e que “logo de 31 anos seguen en funcionamento a pesar do uso intensivo que se fai das piscinas, debido, precisamente, a bo mantemento e conservación que se fai das mesmas”.
O concelleiro sinalou tamén que o enchido do vaso supuxo unha diminución da temperatura da auga, que sae da billa a 11º e ten que quentarse até alcanzar aos 28’5º.
“Neste momento o vaso está xa nos 28º. Dende aquí, queremos trasladar as nosas desculpas á cidadanía polas molestias ocasionadas, explicarlles que esa diferencia na sensación térmica que perciben cando se meten na piscina estes días se debe a esta situación e que, non só está en vías de solución, senón que ademais interviremos para proceder á substitución dámbolos dous filtros co obxectivo de atallar que esta anomalía se reproduza”, afirmou Repetto Morban.
“Unha intervención que procederemos a executar á maior brevidade posible só condicionada pola subministración dos materiais necesarios”, engadiu en alusión á situación de desabastecemento que sofren, dende hai meses, algúns mercados e á futura folga na distribución que, nas vindeiras semanas, pode afectar a todo o país.