O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno achegar 120.000 euros á residencia pública de Sarria para garantir o seu funcionamento e mellorar o servizo que presta. Fíxoo acordando un convenio de colaboración co Concello sarriano, no que tamén se recolle unha achega da Xunta de Galicia de 6.000 euros.
O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, explicou que os 120.000 euros da Deputación serán para actuacións de mantemento e adquisión de material (sábanas, toallas, pixamas, batas…) co obxectivo de mellorar a atención dos 100 maiores da Comarca sarriana que residen nesta instalación pública. O orzamento provincial tamén será para garantir o pago aos preto de 50 profesionais que traballan nestas instalacións.
A colaboración do Goberno da Deputación co Concello de Sarria foi solicitada pola Alcaldesa deste municipio, Pilar Yánez, ao Presidente Provincial, Darío Campos Conde, nada máis chegar ao organismo provincial. Campos e Yáñez supervisaron o estado da residencia nunha visita á mesma no mes de abril.
Ademais, este venres a Xunta de Goberno aprobou actuacións de 120.000 euros en Augasmestas para adaptar estas instalacións á nova lei de accesibilidade, así como para repoñer mobiliario e acondicionar este complexo, que foi obxecto de actos vandálicos. Os traballos implican melloras no sistema eléctrico, nos aseos, vestiarios, zonas axardinadas e na piscina, que se dotará dunha nova depuradora. Tamén se situarán rampas, novas barandillas e adaptarase un dos aloxamentos de inverno a persoas con capacidades diferentes.