A Deputación apoia o V Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes para a promoción de produtos típicos

A Deputación de Lugo impulsa os produtos típicos e artes tradicionais da provincia, colaborando co V Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes, que terá lugar o 9 de agosto neste concello da montaña luguesa.

Concretamente, a Deputación colabora a través do CENTRAD, enviando un artesán de madeira que ofrecerá un taller e demostración en vivo; así como na celebración dunha mallega tradicional, coa que se busca contribuír á recuperación e á difusión desta tradición centenaria, hoxe practicamente extinguida, e moi necesaria para poder dispoñer de palla para as pallozas e os hórreos.

Durante a xornada, haberá exposición de pezas elaboradas en tear tradicional; mostra de pintura e fotografía dos Ancares; concurso de fotografía e de pintura rápida; actuacións musicais; postos de cerámica, coiro, tear e manualidades; así como postos con produtos típicos da zona, como poden ser o mel, embutidos ou pan.

Programación

Ás 11:30 será a apertura dos postos no polideportivo municipal, no que haberá un total de 35 postos. Posteriormente, de 12:00 a 14:00 horas, haberá unha demostración de malla tradicional. Pola tarde, ás 16:00 horas, será o turno da talla en madeira. Ás 18:00 horas comezará o VI Aberto de billarda do Urogalo.

Entre as 16:00 e as 19:00 horas haberá talleres de monicreques para os máis cativos e, ás 19:00 horas terá lugar o obradoiro de instrumentos musicais e o espectáculo Troupelear. As 20:30, será a entrega de premios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com