O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que o Executivo aprobou na Xunta de Goberno as primeiras axudas de concorrencia competitiva do Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural de 2016. “É a programación que dotamos de 1,5 millóns de euros para potenciar a calidade de vida no rural e o sector primario, levando servizos públicos fundamentais para o día a día dos veciños que viven en pequenos núcleos desta provincia”, explicou.
As axudas que hoxe resolveu o Executivo na Xunta de Goberno son as da liña de Mellora do Abastecemento e da Calidade de Auga. “Son máis de 1.200 os veciños de núcleos rurais de 21 Concellos da provincia os que se benefician das axudas de 500.000 euros para a creación ou mellora de 31 traídas de auga”, informou Santos Ramos.
O voceiro lembrou que, como novidades desta programación, “este ano decidimos, por un lado, ofrecer un anticipo do 95% da axuda para que estas actuacións se inicien canto antes, contribuíndo ao traballo de ducias de autónomos e pequenas empresas lucenses, que se encargarán da execución destes traballo. Isto supón unha inxección inmediata na provincia de 475.000 euros, que a partires da vindeira semana, unha vez publicada no BOP a resolución das axudas, os colectivos poderán solicitar”.
A outra novidade é a introdución de baremos ou cláusulas sociais nas bases desta programación co obxectivo de favorecer aos veciños de núcleos máis illados e aos que vivan dos sector primario.
En base a isto, o Goberno da Deputación subvencionará 14 novas traídas de auga con 350.000 euros noutros tantos núcleos rurais, que a día de hoxe non teñen este servizo público nos concellos de: Taboada, Portomarín, Navia de Suarna, En Pol, Lugo, Samos, Baleira, Folgoso do Courel, Cervantes, Ribeira de Piquín, Riotorto, Friol, A Fonsagrada, Folgoso do Courel.
Asemade a Deputación tamén mellorará 17 traídas de auga con 150.000 euros noutros tantos núcleos rurais que suman un total de Concellos: Becerreá, Cervantes, Castroverde, A Pontenova, Quiroga, Bóveda, Ribas de Sil, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Trabada, Samos e Negueira de Muñiz.