A Deputación aproba a terceira edición do programa de emprego ‘Ben Empregado’

O Executivo da Deputación de Lugo aprobou este venres na Xunta de Goberno a 3ª edición do programa de emprego Ben Empregado, “mellorada, tras as experiencias das anteriores dúas convocatorias; cun marcado carácter social, e co que buscamos, ademais de seguir xerando empregos de calidade na provincia e blindar os dereitos laborais dos traballadores, dignificalos coa incorporación de máis cláusulas sociais”.

Así o explicou o Presidente, Darío Campos Conde, durante o acto de presentación do Ben Empregado 3, no que estivo acompañado do Vicepresidente e Deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e de seis dos participantes das dúas anteriores edicións desta programación de emprego da Deputación, que contaron as súas experiencias.

O Ben Empregado 3 está dotado de 2,3 millóns de euros da Deputación para sufragar a empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano. Contempla 2 liñas de actuación: Unha dirixida a empresas lucenses, ás que a Deputación ofrece subvencionar o 50% da contratación de desempregados lucenses e o 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, cidadáns con problemas sensoriais, físicos ou psíquicos; mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos ou veciños de etnia xitana, entre outros.

A segunda liña de actuación está dirixida a entidades e colectivos sen ánimo de lucro. Neste caso, a Deputación subvencionará ao 100% a contratación de desempregados lucenses. “Entendemos que, deste xeito, contribuímos á importante laboral social que levan a cabo estas asociacións na provincia”, indicou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com