O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e á Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, informou hoxe que o Goberno Provincial vén de incrementar a súa axuda á ASPANANE ata os 51.500 euros para reforzar o servizo de Centro Ocupacional que este colectivo ofrece en Viveiro a persoas con diversidade funcional intelectual, sendo as únicas instalacións da Mariña Occidental con esta prestación.
Campos Conde destacou que “Deputación e Concello somos as únicas administracións públicas que colaboramos con ASPANANE, sumando esforzos con este colectivo co obxectivo de ofrecer un servizo imprescindible para ducias de familias da Mariña, que non ofrecen as institucións coas competencias na materia. Conxuntamente, chegamos ás 50 prazas no centro ocupacional. É dicir, facemos posible que 50 veciños con discapacidade intelectual reciban a atención diaria e profesional que requiren”.
Neste senso, o Presidente explicou que ASPANANE ofrece a veciños con discapacidade intelectual unha atención profesional diaria (tanto aos propios usuarios como as súas familias) e múltiples actividades que favorecen a súa integración social e laboral. Por exemplo, obradoiros de carpintería, serigrafía, tampografía… así como iniciativas deportivas, culturais ou lúdicas.
Todo isto, nunhas instalacións municipais que o Concello de Viveiro decidiu ceder gratuitamente a este colectivo para contribuír á prestación deste servizo único en toda a Mariña Occidental, que non ofrecen as administracións coas competencias na materia e por iso o fai esta asociación sen ánimo de lucro, que integran xa 224 familias.