O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participaron hoxe na tradicional Festa do Oso de Salcedo. Trátase dun dos entroidos máis singulares e con máis tradición da provincia, co que colabora o Goberno da Deputación dentro da súa aposta por dinamizar a cultura e o turismo nas vilas lucenses. A festividade celébrase do 10 ao 13 de febreiro na parroquia de Salcedo, no Concello da Pobra do Brollón. É unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera.
Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas a Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra. A tradición di que cada luns de Entroido, tras os cantos dos Cegos o Oso de Salcedo, un personaxe ataviado con peles e cuberto cunha máscara, persigue aos visitantes tinguíndoos de cinza, barro e carbón. Esta figura ancestral vai acompañado de entre 12 ou 14 criados que lle axudan nas súas tarefas, percorrendo todos os recunchos da localidade.
Campos Conde destacou que “a Festa do Oso de Salcedo é un exemplo da implicación dos veciños desta parroquia por manter viva esta costume e tradición local de mancharnos as caras de cinza e barro, que forma parte da identidade, cultura e patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra. Dende o Executivo Provincial decidimos colaborar, outro ano máis, coa celebración deste Entroido para poñer en valor esta orixinal tradición do Oso de Salcedo que reúne a miles de lucenses e turistas para ser testemuñas desta cita ineludible”.
O Presidente apuntou que esta non é a única colaboración do Goberno da Deputación cos entroidos da provincia pois “tamén axudamos economicamente cos entroidos de Val de Francos, en Castro de Rei; o Entroido Ribeirao, en Chantada; Begonte, Cospeito, Pantón, Taboada, O Valadouro e Viveiro. Todas estas achegas enmárcanse no Plan Estratéxico de Turismo do que destinamos máis de 330.000 euros para a celebración de 70 eventos turísticos e gastronómicos en Concellos de toda a provincia. Deste xeito, promovemos as nosas costumes, os nosos produtos autóctonos e de calidade, ao tempo que dinamizamos economicamente os municipios lucenses”.