A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, o Concelleiro de Cultura e Deportes de Meira, Agustín Méndez Moirón, e o Presidente da Asociación Amigos da Malla, Manuel Pardo, presentaron este xoves nos xardíns do Pazo de San Marcos a XXV Feira da Malla de Meira, que terá lugar neste concello lugués o domingo 21 de agosto.
García Porto subliñou que “dende o organismo provincial achegamos 2.000 euros para financiar as actividades que se celebrarán nesta cita de interese turístico de Galicia, tal e como facemos con outras datas desta natureza, como a Festa das Fachas de Taboada”. Neste senso, García Porto destacou a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que, aparte de promocionar os produtos e artes tradicionais da provincia, axudan a dinamizar a economía da zona e, polo tanto, a xerar riqueza”.
Pola súa banda, o Concelleiro de Cultura e Deportes agradeceu a colaboración da Deputación “nesta cita xa consolidada na comarca que atrae a centos de persoas de toda a provincia que deciden achegarse ao noso Concello a desfrutar dunha xornada lúdica e cultural, que afonda na nosa identidade común”.