O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, mantiveron este martes un encontro cos usuarios de ALCER LUGO (Asociación para la lucha conta las enfermedades renales de Lugo). Fixérono xunto á Presidenta e ao Vicepresidente deste colectivo, María José Otero Díaz e Paulino Blando Álvarez.
O Goberno da Deputación colabora anualmente con este colectivo cunha achega económica de 5.000 euros para a administración do transporte dos usuarios que están recibindo tratamento de hemodiálise hospitalaria nos 4 centros da provincia de Lugo: o Hospital Universitario Lucus Augusti, de Lugo, o Hospital Xeral da Costa, en Burela; e as Clínicas de Diálises privadas de Lugo e Monforte de Lemos.
Estes fondos permiten a xestión do traslado de 197 lucenses que están a recibir tratamento hospitalario de hemodiálise, a través do servizo de taxis. Grazas o labor desta asociación, Lugo é a única provincia de toda Galicia na que se realiza este tipo de traslado, que resulta fundamental para que os doentes estean o menor tempo posible de traxecto dende o seu domicilio ao centro onde reciben a atención profesional e facer, deste xeito, unha ruta máis accesible. Nestes momentos, a provincia conta con 23 vehículos que prestan servizo aos preto de 200 afectados por insuficiencia renal.
Pola súa parte, o Concello de Lugo cede a ALCER un local na Casa Clara Campoamor e achega 2.500 euros, destinados ao proxecto de mantemento e atención dietética, que actualmente están a recibir máis de 200 persoas con enfermidade do ril.