Deputación e Concello dotan de calefacción o novo local de Raiolas

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro Villares, mantiveron esta mañá un encontro con usuarios de Raiolas no novo local que ten alugado o colectivo na capital lucense, para unificar nunha mesma instalación todos os servizos que ofrecen actualmente en 4 locais de Lugo.

Deputación e Concello de Lugo colaboran con Raiolas nestes traballos asumindo a dotación dunha caldeira de gas e a instalación do sistema de calefacción. Son 65 familias de persoas de toda a provincia que contan con algún dos Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) as que integran esta asociación sen ánimo de lucro e se benefician destas novas melloras. Neste renovado local, a asociación ofrecerá grazas ás axudas do Executivo Provincial atención psicolóxica, psicopedagóxica, logopeda, terapia ocupacional, obradoiros grupais, así como charlas e apoio escolar aos usuarios e familias que o necesiten.

Santos Ramos e a Presidenta de Raiolas, Inés Flores, asinaron o convenio de colaboración da Deputación de Lugo con este colectivo, por valor de 17.000 euros, para a realización de ditas actuacións nun espazo de 450 m². Esta axuda  engádese ás diferentes achegas por parte dos Executivos Provincial e Municipal a Raiolas que permiten que esta
entidade conte cun local, cedido gratuitamente polo consistorio; sufragar os gastos correntes de luz, auga e gas; contratar a un traballador social que formará parte do persoal co que conta este colectivo, a través do Ben Empregado 3; así como a realización dunha clase á semana, de dúas horas de duración, de psicomotricidade, encamiñadas á conservación e mellora da condición física das persoas con autismo ou TEA.

Ademais de todas estas colaboracións, Raiolas contará co primeiro centro de día para persoas con TEA da provincia, que xa é propiedade da asociación grazas á cesión gratuíta do Goberno da Deputación, que tamén financiará as obras necesarias para o seu uso público. As obras desta nova instalación comezarán unha vez estean concedidos todos os permisos correspondentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com