A praza de San Marcos de Lugo acollerá este venres a II Feira de Asociacións que organiza a Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo (FADAS), coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo. Con esta cita, na que participarán 15 colectivos sociais lucenses, FADAS e os Gobernos Provincial e Municipal queren dar a coñecer e visibilizar o traballo e os distintos proxectos que desenvolven ditas asociacións durante todo o ano.
Deputación e Concello destinan unha achega económica de 12.000 euros a FADAS que permite á federación ofrecer atención profesional a máis de 8.000 veciños da provincia a través das súas programacións sociais.
Durante a xornada, que se desenvolverá dende ás 11:00 ata as 21:00 horas, as entidades que participan na feira contarán con postos de información para explicar e asesorar aos visitantes sobre os diferentes servizos que ofrecen ditos colectivos. As áreas de actuación nas que traballan as asociacións da Feira son: familia, muller, infancia, persoas en situación de risco ou vulnerabilidade, saúde, emprego, inmigración, comercio xusto, cooperación, voluntariado, cultura e deporte.