Deputación, Concello e USC financian a nova programación do “Lugo Cultural”

O Deputado de Promoción do Territorio e Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, e a Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, María del Carmen Silva Domínguez presentaron este xoves a nova programación de actividades gratuítas do Lugo Cultural. Están enmarcadas no convenio de colaboración da Deputación, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela, dotado de 60.000 euros. Cada entidade achega 20.000 euros.

Vidal Baamonde destacou que “o organismo provincial segue a colaborar de maneira activa coa USC, en concreto co Campus Terra, a través do Convenio Lugo Cultural, no que ofrecemos diferentes actividades lúdico-culturais totalmente gratuítas aos lucenses durante todo o ano, ao mesmo tempo que difundimos o traballo dos nosos artistas e buscamos espazos alternativos, como a Domus do Mitreo, para potenciar o seu uso cultural”.

Música

Músicas a carón da Mosqueira é o ciclo que impulsa a novos creadores e intérpretes dentro da música clásica. Divídese en dous tramos, o primeiro de xaneiro a maio, no que os protagonistas serán os interpretes de AIE. E un segundo tramo onde os interpretes de Lugo serán os protagonistas. Esta actividade continuará coa súa xa tradicional labor de difusión da música clásica, fundamentalmente no apartado de cámara, que traerá este ano á capital luguesa a novos, pero xa consagrados, intérpretes de distintos instrumentos de música clásica. Os concertos, totalmente gratuítos, se celebrarán ás 20:00 horas na Casa do Saber.

Noite na Domus é unha actividade complementaria de Músicas a carón da Mosqueira que terá lugar o 2 de marzo, 6 de abril e 4 de maio. Pretende achegar a Domus do Mitreo e a historia desta escavación cunha visita guiada do arqueólogo Celso Rodríguez acompañado por diferentes músicos que transportarán aos participantes, na intimidade, ós momentos históricos polo que pasou este soar ata o día de hoxe.

Lubican é outra proposta musical para potenciar a presentación de novos traballos da música galega que terá lugar os últimos xoves de febreiro, marzo, abril e maio. Outro ciclo será Os xoves de Moda para o intercambio de experiencias no ámbito das artes que terá lugar os terceiros xoves de febreiro, marzo e maio. Por último, dentro da programación musical, estará Sons creativos do 25 ao 28 de maio, que presenta a vangarda na música contemporánea e Entre Lusco e Fusco con concertos do 7 ao 14 de xuño.

Artes escénicas

O teatro é unha aposta forte de Lugo Cultural, por iso está prevista a celebración do Festival de Teatro Universitario do 22 ao 27 de marzo, que reunirá a diferentes compañías de Galicia e que dedica unha xornada a exposición dos microproxectos nos que traballan estudantes de teatro que se atopan fóra de Lugo.

Ademais, o 22 de marzo os participantes poderán asistir non só a estrea da nova produción da Compañía de Teatro USC-Lugo senón tamén a evolución da creación nos ensaios abertos. Así mesmo, a Compañía do IV Ciclo da Universidade porá en escena un traballo de investigación sobre Os Vellos non deben namorarse.

A programación tamén conta cun encontro de danza para o 19 e 20 de abril, pois o Espazo de Danza da USC foi pioneiro na introdución desta arte na cidade.

Outras propostas

En setembro volve o Maratón Fotográfico do Campus e a Findecurta (31 de marzo, 1, 2, 3 de abril). Ademais ao longo do ano está prevista a realización de diferentes performances en diversos espazos da cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com