Deputación e Concellos asumirán a xestión pública das residencias

A semana pasada a Xunta de Goberno provincial acordaba a tramitación urxente dun protocolo de colaboración entre Deputación e Concellos para a posta en marcha dos centros de maiores. Na sesión deste venres, aprobouse este protocolo. Así o informou hoxe o Presidente, Darío Campos Conde, que explicou que “durante toda esta semana, estivemos traballando  xunto aos Concellos, recollendo as súas propostas, na elaboración deste protocolo. Contan xa, polo tanto, cun borrador. Pero agora, evidentemente, lles remitiremos o acordado, que inclúe todas as súas suxestións para a súa inmediata sinatura”. Este enviarase aos 7 municipios que contan con residencias e centros día practicamente listos para a súa apertura: A Fonsagrada, Castroverde, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e tamén Ribadeo.

O protocolo define que a xestión pública dos centros de maiores será levada a cabo dende a Deputación e os Concellos quen asumirán todas as prestacións que poidan cos medios dispoñibles, levarán a cabo novas contratacións, atendendo ás limitacións legais. O protocolo tamén establece acudir a contratos administrativos de servizos a través dun sistema de xestión pública de non contar con medios dispoñibles ou superar a taxa de reposición da dita lei.

Doutra banda, no convenio tamén se estipula que as prazas dos centros de maiores serán, preferentemente, para veciños do Concello onde se sitúa a residencia e centro de día e logo para os de municipios limítrofes. Ademais, Deputación e Concellos colaborarán no financiamento das prazas para garantir o acceso ás mesmas aos veciños da provincia. O protocolo recolle que o seu custo será acorde á capacidade económica dos usuarios, progresiva, redistributiva e homoxénea en toda a provincia.

A Xunta rexeitou colaborar coa rede pública de residencias e centros de día nos Concellos, que decidiu facer a Deputación ante a súa necesidade e, precisamente, ante a negativa da Xunta a construír centros para maiores na provincia de Lugo, cando precisamente é a administración galega a que ten as competencias directas na materia, segundo lembrou o presidente do executivo provincial. A Xunta tamén nega a concertación de prazas públicas non centros públicos da Deputación.

O PP solicita un pleno para impedir a paralización das residencias

Pola súa banda, o Grupo Popular Provincial, que dirixe Elena Candia, anunciaba hoxe que presentaría a solicitude dun pleno extraordinario para impedir a paralización das residencias da Deputación por parte do PSOE. Os populares recordan que neste momento os centros de Trabada e Castroverde contan co Permiso de Inicio de Actividade (PIA) a nome de Suplusa, posto que é a entidade que ten a encomenda de construción e xestión das residencias desde o ano
2010.

Desde o PP advirten que o feito de retirarlle a condición de medio propio a Suplusa para servizos sociais, un acordo que tomou a Xunta de Goberno do PSOE a pasada semana, provoca o bloqueo da súa apertura. Un bloqueo que perpetúan ademais desde o Goberno provincial ao non ter aínda aprobada a ordenanza que fixa os prezos de cada praza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com