O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resolución da liña de axudas de 470.000 euros que o Goberno da Deputación destina aos 5 equipos da provincia que compiten en Primeira ou Segunda División Nacional e non son Sociedades Anónimas Deportivas. Deste xeito, a distribución do orzamento, que acada os 470.000 euros, dedica 153.927 euros para o Burela FS Pescados Rubén, un club referencia en España que conta con equipo masculino e feminino, ambos na elite do Fútbol Sala Nacional. Outros 128.272 euros van destinados ao Prone que, cunha dilatada historia na máxima categoría do fútbol sala nacional, é unha entidade recoñecida internacionalmente, e ten unha forte aposta pola canteira.
76.101 euros son para o Club Emevé, referencia do voleibol da provincia que potencia e da a coñecer o deporte entre a sociedade. A Deputación destina 75.700,00 euros ao CB Durán Maquinaria Ensino, outro exemplo de igualdade deportiva. O Club está moi preto de cumprir catro décadas formando a numerosas promocións de xogadoras da provincia e manténdose durante este tempo na elite do deporte.
Por último, o Executivo provincial concedeu unha axuda de 36.000,00 euros para o Club Perruquería Mixta Friol, considerado un claro exemplo de integración e igualdade deportiva. É o único equipo de fútbol feminino nesta categoría.
45.000 euros a pilotos de rally
O Goberno da Deputación resolveu tamén hoxe a programación de axudas para pilotos de rally da provincia de Lugo, dotada con 45.000 euros. O BOP recolle a listaxe dos 16 profesionais lucenses que resultaron beneficiados destas axudas de concorrencia competitiva, é dicir, ás que puideron optar todos os interesados que participaron na modalidade de rally de asfalto, terra ou montaña na anualidade 2017.
Con estas axudas poderanse sufragar gastos federativos da actividade competitiva, gastos de inscrición para competicións
ou probas oficiais, gastos pola compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como gastos da adquisición de pneumáticos do vehículo.