O Executivo da Deputación aprobou hoxe na Xunta de Goberno axudas de 485.000 euros, dirixidas a todas as entidades e clubs deportivos da provincia. Así o informou o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, que explicou que “son as subvencións de concorrencia competitiva para actividades federadas e eventos deportivos puntuais”.
Santos Ramos avanzou que na anualidade anterior, foron un total de 542 clubs e entidades deportivas de 54 Concellos da provincia as que se beneficiaron desta liña de axudas. “Agora enviaremos estas axudas á Base Nacional de Subvencións para, en 2 semanas aproximadamente, podelas publicar no Boletín Oficial da Provincia. Os clubs e entidades deportivas interesadas en concorrer a estas axudas disporán dun prazo de 15 días hábiles, a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP, para solicitalas. Deberán formalizar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral da Deputación. Os requirimentos para emendar as posibles deficiencias de documentación realizaranse exclusivamente a través da páxina web da Deputación”, destacou o voceiro do Goberno.
“Con esta liña de subvencións que hoxe aprobamos, buscamos continuar sendo a Deputación galega que máis inviste en deporte. De feito, a de Lugo é a administración pública que máis inviste en deporte na provincia de Lugo, ata oito veces máis que a Xunta de Galicia”, expresou o voceiro do goberno.
Como na anterior anualidade, incorpóranse criterios sociais nas bases destas axudas en impulso á igualdade e á integración, así como en recoñecemento ao esforzo competitivo. Deste xeito, valorarase positivamente aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén a aqueles que sexan de localidades pequenas, de Concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural, e tamén puntuarán os resultados ou ascensos deportivos. Como novidade este ano, na liña de axudas á actividade competitiva cada disciplina deportiva conta cun importe de acordo co número de licencias oficiais que posúe cada modalidade na provincia de Lugo.