A Deputación de Lugo abre o prazo para participar no Musiqueando, o programa dotado con 100.000 euros, co que o Goberno da Deputación promociona a música popular na provincia, así como a creación de corais, bandas ou grupos tradicionais.
O Musiqueando está dirixido a Concellos, asociacións ou comisións de festas, para a contratación de bandas de música, grupos corais e grupos de música tradicional, que teñan residencia na provincia de Lugo e que estean legalmente constituídas.
O Goberno da Deputación asumirá o 80% dos custos de cada actuación e o 20% restante, será achegado polos Concellos, asociacións ou comisións, que soliciten ditas actuacións. A achega do organismo provincial, será de entre 600 e 2.000 euros no caso das Bandas de música, entre 400 e 720 euros para os Grupos de Música Tradicional e de 480 a 640 euros para as corais, estas achegas dependerán do número de integrantes nos grupos de música.
Os Concellos e entidades que soliciten as actuacións deberán cumprir con diferentes medidas, como organizar as actuacións velando polo seu correcto desenvolvemento, non facer ningunha modificación na actuación sen a autorización da Deputación, ou empregar o galego nos carteis anunciadores e en toda a propaganda que se faga do evento. Pola súa parte, as bandas e grupos musicais deberán facer actuacións cun máximo de duración de hora e media, podendo levarse a cabo nun único pase ou pola contra en dous pases de 45 minutos cada un.