O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo “Lucus Augusti”, Jesús Vázquez Varela, e o Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, informaron este martes sobre unha nova colaboración de 30.000 euros entre o organismo provincial e a federación, dirixidos ao funcionamento de dito colectivo, que presta asistencia a un total de 257 asociacións de todos os Concellos da provincia.
Campos Conde destacou que “a través da sinatura desta axuda, dende o Goberno da Deputación renovamos o noso compromiso cos veciños lucenses, colaborando na promoción de campañas tan importantes para a provincia como Lugo, non perdas o tren, Hemodinámica 24 horas ou a recente plataforma En Defensa do Rural. Ademais, grazas a esta colaboración, financiamos parte dos custos de contratación de persoal técnico que presta servizo ás 257 asociacións que integran a Federación de Veciños, que representan a máis de 20.000 lucenses”.
“Creo que é de xustiza recoñecer a enorme labor que a Federación presta a todas e cada unha das agrupacións e asociacións de veciños que a integran, co fin de mellorar os dereitos e servizos dos veciños, especialmente os do rural”, apuntou. Son, concretamente, 3 administrativos e 1 peón; que desenvolven un papel fundamental no tecido asociativo da provincia, pois son os que, por exemplo, se encargan de facer a documentación administrativa das asociacións lucenses, como redacción de actas, creación de estatutos ou solicitudes de axudas, entre outros moitos.
Jesús Vázquez agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación “que nos permite continuar ofrecendo un servizo técnico á todas e cada unha das asociacións que nos piden asistencia técnica”. O Presidente da Federación de Veciños insistiu na necesidade de continuar ofrecendo programas de mellora do rural, como o de traídas de auga ou mellora de camiños que ofrece o Goberno Provincial. Neste senso, apelou á responsabilidade dos grupos políticos con representación na Deputación “para que se reforcen estas liñas de axuda, que son de vital importancia para os veciños de toda a nosa provincia”, apuntou.