A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou obras de mellora na estrada de Negueira a Pieiga por valor de 76.800 euros. Así o comunicou o voceiro do Goberno, Pablo Rivera Capón, que explicou que “se trata dunha vía municipal, que é o principal e único acceso público aos núcleos rurais de Pieiga e Vilaseca, onde viven uns 20 veciños. Actualmente, este vial sofre problemas de asolagamento”.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de contratación do servizo de elaboración dun plan estratéxico, por valor de 60.000 euros, no que se definan todas e cada unha das potencialidades turísticas dos 67 Concellos.
O voceiro subliñou que “na Deputación estamos a traballar na elaboración dun Plan Integral de Turismo para a promoción de todos os recursos da nosa provincia. Trátase dunha aposta persoal do Presidente, que busca xerar riqueza e emprego”.
“Levamos meses mantendo reunións con profesionais do sector na nosa provincia, así como asociacións e institucións, pois apostamos pola participación de todos os implicados co fin de acadar un completo e ambicioso plan”, concluíu.