A Xunta de Goberno este venres aprobou a contratación dos traballos de instalación e dotación dun parque ambiental e biosaudable no Valadouro por valor de 52.700 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea e nun 20% pola Deputación, posto que se trata dunha iniciativa enmarcada no programa medioambiental Lug02.
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que se situarase na parroquia de Moucide, ao carón do local social, e incluirá, ademais de aparellos para nenos, instalacións para o disfrute medioambiental deste espazo, con indicadores sobre a riqueza natural da zona. “Con este parque ambiental e biosaudable, contribuímos a mellorar a calidade de vida no Valadouro, onde o 35% dos seus habitantes supera os 65 anos, fronte ao 8% que ten menos de 16 anos”, destacou.
A sesión aprobou o último trámite administrativo para que a colección de Álvaro Gil volva ao Museo Provincial. Trátase do expediente do sistema de pagamento pola subministración das pezas de ourivería. Suma 2,3 millóns de euros, que se aboarán en 5 anualidades. O 10 de febreiro asinarase o contrato e o documento de renuncia a reclamacións. Ese mesmo día voltará a colección ao Museo Provincial. Martínez destacou que “este Goberno Provincial salda outra débeda do PP cos lucenses, ao igual que fixemos co canon hidroeléctrico ou cos parques de bombeiros”.
Martínez fixo referencia ás declaracións da Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sobre as Pallozas do Piornedo e subliñou que “lle debería dar vergoña ir a FITUR a presumir das Pallozas, cando a Palloza na que peor estado se atopa é, precisamente a da Xunta; cando o Goberno galego do que forma parte é o responsable da situación na que se encontran porque decidiu suprimirlles as axudas autonómicas que recibían anualmente; e cando é a Xunta a responsable legal do seu arranxo, como Ben de Interese Cultural e, sen embargo, tivo que ser a Deputación de Lugo a que asumise o 65% dos custes das obras de mellora, achegando 260.000 euros fronte á subvención de 100.000 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea, é dicir, nin tan sequera son fondos propios, da Xunta de Galicia”.
O voceiro engadiu que Raquel Arias “debería coñecer os trámites administrativos”, posto que, actualmente, cúmprese co prazo legal de 26 días naturais da presentación de ofertas para a contratación das obras de reparación dos tellados. “Mentres esperamos polo permisos da Xunta, Concello e veciños fomos axilizando este proceso, elaborando o prego e o expediente. A mesma semana na que recibimos as últimas licencias, publicouse no BOP e no Perfil do Contratante este contrato. Agora, hai que cumprir cos prazos que establece a lei”. A Deputación xa iniciou os procesos de contratación das obras de saneamento e de iluminación mentres espera polos permisos da Xunta, Concello e veciños para axilizar estes procesos.