Deputación e APEC apostan por reactivar o sector da construción a través da rehabilitación sostible

A Deputación de Lugo e a Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC) presentaron esta mañá o programa de impulso da rehabilitación sostible, Reacciona 2020. Un plan dirixido tanto a propietarios de vivendas, como a empresas, profesionais da construción e concellos, xa que inclúe un amplo abano de medidas dependendo do colectivo co que se traballe.

No caso dos concellos o presidente da Deputación, Darío Campos, convidounos a aproveitar a iniciativa e avanzou que a través deste plan crearase unha oficina técnica móbil para asesorar aos veciños interesados en facer unha obra baseada na normativa europea de eficiencia enerxética, que establece que a partir do ano 2020 todas as novas vivendas terán que cumprir cunha serie de requisitos garantindo a redución de emisións e aumentando o uso das enerxías renovables.

Outra das actuacións será a realización dun estudo do parque de vivendas da provincia e do seu estado que permitirá aos Concellos ter una referencia práctica para asesorar e facer cumprir a lexislación. “Ofreceremos diversas medidas para consolidar o impulso da rehabilitación como nicho de emprego” engadiu o presidente da Deputación. Pola súa banda a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que esta iniciativa “pode contribuír a recuperar poboación e impulsar a actividade económica”.

Mentres, o presidente da APEC, Hipólito Trinidad, cualificou este programa de impulso á rehabilitación como “de máxima importancia” nun sector “chave para a sociedade por multitude de motivos”, entre os que destacou os beneficios de contar cun entorno urbano rehabilitado de cara ao turismo, sobre todo en canto ao patrimonio histórico; así como o impacto da rehabilitación na xeración e mantemento do emprego, na calidade de vida das persoas e na creación dun modelo de sociedade máis sostible. Trinidad tamén aproveitou para agradecer á Deputación o seu apoio ao programa, co investimento de 360.000 euros, o 90% do orzamento total.

Liñas de actuación

Esta iniciativa inclúe catro grandes liñas de traballo: o proxecto Reacciona, dirixido a propietarios de vivendas; o proxecto Reconstrúe, orientado a difundir entre as empresas do sector a oportunidade de negocio que supón o mercado da rehabilitación eficiente; o proxecto Reenfócate, destinado a dar soporte técnico a empresas e profesionais; e o proxecto Rehabilítate, que se ocupa da formación de traballadores do sector.

No caso concreto dos particulares, xa teñen dispoñible a páxina web www.reacciona2020.com, así como unha liña de atención telefónica 900 103 384 e un correo electrónico de consulta info@reacciona2020.com. Na cidade de Lugo hai unha Oficina Técnica onde profesionais de APEC ofrecen asesoramento en materia de sistemas de eficiencia enerxética e financiamento (Praza do Campo, 2-3) e tamén está preparada a unidade móbil, que se desprazará aos concellos que o soliciten.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com