O Goberno da Deputación e o Concello da Pastoriza garanten a posta en servizo da piscina cuberta deste municipio. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, anunciou hoxe na Pastoriza unha achega de 130.000 euros, entre este ano e o que vén, co que a institución provincial contribúe á apertura e funcionamento do centro deportivo e piscina climatizada neste municipio, tal como se establece nun convenio de colaboración entre as dúas institucións.
Campos Conde explicou que “na Deputación levamos tempo traballando da man do Concello para poder abrir estas instalacións e asegurar que os veciños da Pastoriza teñen a posibilidade de contar co servizo da piscina climatizada”. O Presidente lembrou que “no Goberno provincial defendemos a igualdade de oportunidades de todos os veciños sexa cal sexa o lugar onde vivan, por iso somos unha Deputación social, rural e coas persoas”.
Froito dese traballo conxunto, Deputación e Concello asinaron un convenio de colaboración que permitirá a apertura dun complexo deportivo que dará servizo, a partir do próximo curso, aos veciños da Pastoriza e dos concellos da contorna. A Deputación fará unha achega de 50.063 euros este ano e outros 79.937 en 2019, para garantir a apertura e funcionamento do centro deportivo e piscina climatizada. Pola súa parte, o Concello da Pastoriza, que se compromete a recepcionar a obra e asumir a titularidade da piscina, investirá 207.542 euros, tamén en 2 anualidades.
Con este acordo, a Deputación e o Concello logran poñer en servizo unha infraestrutura moi agardada polos veciños da Pastoriza e que supuxo un investimento de 1,6 millóns de euros. O complexo deportivo dispón de piscina climatizada, zona de spa, de ximnasio e vestiarios, ademais dun espazo con acceso exterior que poderá ser acondicionado como cafetería. A piscina conta cun vaso de natación dividido en dúas áreas, unha delas de maior profundidade ten 3 calles de 25 metros e a outra, de menor profundidade, acondicionada a modo de spa, na que se instalaron chorros lumbares e que está rodeada por un banco perimetral.