O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Castroverde, José María Arias Fernández, asinaron hoxe, o convenio marco de colaboración entre a institución provincial e o Concello para a apertura e funcionamento do Centro de Atención a Maiores da localidade, Residencial O Castro, despois de que o Pleno municipal acordase por unanimidade sumarse ao mesmo e que a Xunta de Goberno provincial lle dese o visto bo.
Deste xeito, avanza o procedemento administrativo para poñer en funcionamento a residencia de Castroverde, para o cal a Deputación ten reservados xa nos Orzamentos deste 2020 os recursos económicos necesarios.
Unha vez asinado o convenio marco, sentaranse as bases do modelo de xestión e trasladaranse ao Concello de Castroverde, para posteriormente asinar o convenio específico que garantirá a xestión pública deste centro. Este modelo de cooperación da Deputación co Concello de Castroverde establece que o acceso ás prazas será de xeito preferente para os veciños deste municipio; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo para lucenses en xeral. Ademais, todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poderán acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica.
A día de hoxe, a Deputación ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada e Ribadeo e no vindeiro mes de febreiro comezará a funcionar o centro da Fonsagrada. A institución provincial destina 9 millón de euros neste 2020 para o mantemento das residencias de maiores e para a posta en marcha das do concello fonsagradino, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, ademais de para avanzar no equipamento das de Meira e Ribas de Sil.
Xan 17, 2020 - 03:29 PM
@depulugo @TodoCastroverde 👏🏼👏🏼👏🏼