O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, mantiveron un encontro este martes no Pazo de San Marcos no que abordaron a situación do proxecto de construción da residencia e centro de día público na Casa Botica. O Presidente e a Alcaldesa acordaron axilizar este proxecto, que o municipio mantivo bloqueado durante os últimos 4 anos, para iniciar a súa execución no 2016.
Para elo, proximamente convocarase a Comisión de Seguimento do proxecto para a avaliación por parte dos técnicos municipais e provinciais e a Alcaldesa levará ao Pleno a aprobación inicial do PXOM, que é imprescindible para poder poñer en marcha as obras. Dende hai anos, a Deputación ten comprometido unha partida de 1,2 millóns de euros para a súa construción. Pola súa banda, Regina Polín recortou os custos do goberno municipal para con este aforro financiar a parte que lle corresponde ao Concello, que é de 200.000 euros.
A residencia e centro de día público na Casa da Botica é unha dotación social moi demandada polos veciños de Guitiriz, xa que na actualidade, ducias de veciños de Guitiriz están en centros situados noutros concellos que si contan con estas infraestruturas.