Deputación e Concello de Monforte promoven a Feira Medieval como alternativa turística na Semana Santa

O Deputado de Relacións Institucionais da Deputación, Álvaro Santos Ramos, acompañado do Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, presentaron esta mañá en San Marcos a programación da XV Feira Medieval, que terá lugar na fin de semana do 15 e o 16 de abril en Monforte de Lemos.

Santos Ramos destacou a consolidación deste evento como alternativa de vacacións da Semana Santa lucense, tanto para os veciños e veciñas como para os numerosos turistas que se achegan á provincia nestas datas. Ademais, destacou que “a Feira Medieval actúa de axente dinamizador da economía local, xa que implica a hostaleiros, comerciantes, artesáns e a todo o sector turístico”.

Pola súa parte, o Alcalde, José Tomé, destacou que “imos iniciar os trámites para que a Feira Medieval sexa declarada pola Xunta como Festa de Interese Turístico. Despois de 15 edicións, consideramos que o evento ten as singularidades específicas para iso”. Nesta liña, José Tomé indicou que “en realidade, as orixes da Feira Medieval remóntanse ao século XII, cando o abade Miguel II lles cedeu aos señores de Lemos, don Froila Díaz e Estefanía Sánchez, varios terreos para a realización de mercados e feiras. Foi a partir dese momento cando comezou a asentarse a poboación en Monforte”.

O Goberno da Deputación de Lugo vén apoiando nos últimos anos a organización deste evento, que recibiu no ano 2016 un investimento de 30.000 euros. Do orzamento 2017, o Goberno destinará a Monforte de Lemos, no marco do Plan Único, 500.000 euros. E desta cantidade, o Concello poderá investir 30.000 euros na Feira Medieval.

A XV Feira Medieval de Monforte contará cun cento de postos, a cifra máis alta desde que se celebra a feira. Desa cantidade, 30 están relacionadas co sector da alimentación e ofrecerán polbo, cervexa artesá, parrillada e filloas, entre outros produtos. Ademais, haberá outras 41 paradas de artesáns certificados coa súa correspondente carta de artesanía; e unha trintena de postos comerciais, con bisutería, xabróns e cremas naturais.

A programación inclúe máis de 50 actividades para todas as idades. Así, haberá un campamento medieval dos cabaleiros de Ulver, que estará instalado na Praza de España e contará con exposición de armas e utensilios de época. Tamén ofrecerá obradoiros e demostracións sobre confección de frechas, esgrima antiga, pintura en miniatura e escritura gótica, ademais de tear de tablillas, entre outras propostas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com