O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, asinaron un protocolo mediante o cal o Goberno Provincial e o Concello se comprometen a mellorar conxuntamente as vías provinciais que discorren por dito municipio, para despois cederllas ao municipio.
Campos Conde avanzou que “o procedemento que iniciamos ten como obxectivo mellorar a actual rede de vías provinciais no municipio de Xove e no futuro cedela ao Concello, posto que as estradas que a conforman supoñen arterias de comunicación esenciais para a vila e o seu arranxo permitirá mellorar a calidade de vida dos 3.300 veciños de Xove”.
Deste xeito, a Deputación executará neste ano a reparación da LU-P-2601 de Xove ao Portiño de Morás na súa totalidade; e tamén rehabilitará 13,3 quilómetros da LU-P-2604 de Xove por Monte a Valcarría entre 2018 e 2019. Ademais na LU-P-2604 tratarase de mellorar tanto o seu ancho como o trazado de curvas perigosas.
O organismo provincial tamén se compromete a redactar e entregar ao Concello de Xove os proxectos de rehabilitación completa das estradas provinciais restantes, agás a LU-P-2603 e a LU-9-2610 que neste momento non precisan reparación posto que foron melloradas anteriormente, para que o municipio acometa con fondos propios as obras.
Así mesmo, tramitarase a cesión da Deputación ao Concello de Xove das vías, co fin de proceder de xeito inmediato a dotar os fondos precisos por parte do municipio e licitar as obras restantes. O protocolo asinado tamén prevé que, unha vez rematadas as obras de reparación por parte do organismo provincial na LU-P-2601e a LU-P-2604 lle sexan cedidas, ao igual que a LU-P- 2603 e a LU-P-2610, ao Concello de Xove. Por outra parte, a Deputación fará unha achega ao Concello de Xove por importe equivalente ao custo que represente para o organismo provincial o desbroce da maleza nas vías provinciais neste municipio.