O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, os Alcaldes da Fonsagrada, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo, Ribas de Sil e Pol, Secretarios, Interventores e Traballadores Sociais do organismo provincial e dos municipios mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para definir o regulamento, a ordenanza de acceso e as tarifas das residencias e centros de día de Deputación e Concellos.
A denominada Comisión Técnica Participativa dos Centros da Terceira Idade avanzaron no peche de ditos documentos, que son necesarios para a apertura destas dotacións sociais. Deste xeito, o organismo provincial fixo entrega aos municipios dos borradores do regulamento de réxime interior, documento que recolle os dereitos e deberes dos usuarios, horarios, prestación de servizos…; da ordenanza de acceso, que establece a prioridade dos veciños do Concellos onde se sitúa o centro, logo os da bisbarra e comarca e seguidamente a lucenses en xeral, así como os criterios de valoración, trámites de solicitude, documentación a entregar, institución pública a cal dirixirse…; e a ordenanza fiscal, que recolle as tarifas, incluíndo as axudas da Deputación de ata 600 euros/mes para residencia e de 300 euros/mes para xornada completa en centro de día, entre outras cuestións.
Respectando a autonomía municipal, os Concellos farán durante estes días todas as súas suxestións para, a vindeira semana, manter outro novo encontro no que avanzar no peche destes documentos. A Deputación prestará en todo momento asistencia técnica para homoxeneizar o posible estes documentos, tendo en conta as necesidades e situacións diferenciais de cada municipio. Unha vez pechados, os Concellos deberán aprobar os mesmos nos seus respectivos Plenos municipais.
Ao igual que a Deputación contou cos Concellos e cos técnicos para definir o modelo de xestión pública directa das residencias e centros de días e para establecer con todas as garantías legais que as prazas sexan para os lucenses e que o seu acceso sexa universal, con independencia da distinta situación económica dos maiores da provincia; tamén involucra agora a Alcaldes e técnicos na elaboración destes documentos.
Faino porque son os municipios os que teñen as competencias directas en materia de servizos sociais, porque respecta a autonomía municipal e defende que son os Concellos (Alcaldes e técnicos locais) os que mellor coñecen as necesidades sociais e económicas, que son diferentes en cada territorio, para a consecución da mellor prestación pública de servizos sociais públicos para maiores da provincia nos centros de maiores públicos de Deputación e Concellos, tanto pola calidade dos servizos como polo seu custo a usuarios e institucións públicas.
Secretarios e Interventores traballan na consecución destes fins sociais, froito da vontade ou decisión política, atendendo ao estrito cumprimento da nova normativa vixente e velando pola garantía do mellor destino dos fondos públicos.