A Deputación e o Breogán unidos para por en valor a labor social de ALUCEM

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto á Presidenta da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), Rachel Feliciano, e o Presidente do CB Breogán, Jesús Lázare Rincón, presentaron este luns unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.

Rivera Capón subliñou que “o vindeiro encontro do CB Breogán estará dedicado a visibilizar a labor social de ALUCEM. En Galicia unhas 3.000 persoas sofren esclerose múltiple, das que máis de 400 son da provincia de Lugo, unha enfermidade que afecta máis as mulleres e empeza a manifestarse ao redor dos 25 anos. Dáse a circunstancia de que no noso país, a comunidade galega é a que conta coa maior incidencia desta enfermidade debido ás características do clima”.

Durante o encontro deste venres 24, que terá lugar ás 20:45 horas e que enfrontará ao CB Breogán e o Leyma Coruña, repartirase información entre os asistentes sobre a labor social que realiza ALUCEM na provincia de Lugo e ofrecerase a posibilidade de facerse socio da asociación. Esta entidade sen ánimo de lucro traballa a través de  talleres e cursos para mellorar a calidade de vida dos enfermos. Ademais contan con servizo de rehabilitación, traballo social e terapia ocupacional, así como servizo de información, orientación e asesoramento ás familias.

Outras colaboracións con ALUCEM

A Deputación colabora coa Asociación Lucense de Esclerose Múltiple mediante unha axuda anual de 10.200 euros para levar a cabo un programa de atención integral aos afectados por esta doenza. A Esclerose Múltiple é unha enfermidade crónica do Sistema Nervioso Central que afecta a máis de 40.000 persoas en España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com