O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro con representantes dos 7 clubes de piragüismo da provincia para abordar a posta en marcha e a revitalización da Escola Provincial de Piragüismo de cara á temporada 2017-2018. A Deputación achegará 85.000 euros, con esta finalidade, a través dun convenio e serán os propios clubes os que xestionen directamente a escola, situada no entorno de Os Robles. Estes son: Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan e Club Montaña Quixós.
Rivera Capón quixo resaltar a importancia de converter a Escola nun “nun ente aglutinador, capaz de diseminar o deporte por toda a provincia, e que sexan os propios clubes os que definan a súa folla de ruta”, porque, explicou o deputado, ninguén mellor ca eles coñece as necesidades e as potencialidades de dita escola. “Unha vez rematada a encomenda de xestión existente ata xuño de 2017, deberán ser os clubes os que collan o relevo”, asegurou o Rivera Capón quen acordou cos clubes definir un borrador de convenio no que participará tamén a Federación Galega de Piragüismo.
Durante este encontro, destacouse a necesidade de definir un modelo de xestión no que se deben ter en conta aspectos como a adquisición de novo material técnico, a posta en marcha de programas de promoción deste deporte nos centros escolares e nos Concellos, a contratación de persoal cualificado para racionalizar o uso das instalacións, acordos con residencias para o aloxamento, e outros aspectos de importancia para os diferentes clubes.
Cómpre sinalar que o conxunto destas actuacións responde ás peticións dos sete clubs que hai na provincia, que consideran que son as axeitadas para a posta en valor desta disciplina deportiva en Lugo e resultan un paso intermedio para que a Escola garanta a selección de novas promesas nesta disciplina, e deste xeito, acadar os niveis de anos anteriores.
Por outra parte, Rivera Capón adiantou que se levarán a cabo cambios significativos nas bases das subvencións de concorrencia competitiva, xa que este ano contémplase incrementar as partidas destinadas ás disciplinas con maior número de licenzas federativas, o que beneficiará ao piragüismo, unha disciplina deportiva que tantos éxitos lle ten dado á provincia de Lugo, incluíndo varios metais olímpicos. O último deles obtido polo lucense Cristian Toro, nos pasados Xogos Olímpicos de Río.