Deputación e USC abordan as prioridades para o 2016

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este martes o seu primeiro encontro co Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, e co Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, no que abordaron as prioridades para o 2016.

Deputación e USC acordaron continuar co desenvolvemento do Plan de Choque en impulso da Universidade luguesa. Campos Conde adiantou que para elo o organismo provincial achegará outros 350.000 euros no 2016. Ambas as dúas institucións, que manterán as colaboracións que todos os anos xa financia a Deputación, estudan, ademais, intensificar as súas vías de cooperación o vindeiro ano.

Deputación e USC asinaron no 2014 un protocolo de colaboración para a posta en marcha dun Plan de Choque no Campus de Lugo. Fixérono tendo en conta a constante perda de alumnado, que na última década e no conxunto dos Campus da USC en Galicia se reduciu nun 50%.

Dende entón, Deputación e USC puxeron en marcha campañas de promoción de Lugo como cidade universitaria, ofreceron descontos do 50% na matrícula para primeiros estudantes en 10 Graos do Campus, un Plan de Captación de Talento para custear integramente a matrícula dos mellores expedientes de BAC, FP e Grao, bolsas para fomentar as titulacións de Máster ou para os cursos de verán, entres outras actuacións

As 13 medidas que contempla o Plan de Choque son as seguintes:

1.- Realización de plans de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do Campus de Lugo.

2.- Plans de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda.

3.- Plans de captación de estudantes doutras nacionalidades.

4.- Plans de apoio para as prácticas de campo.

5.- Plans de bolsas de investigación en grupos.

6.- Fomento das titulacións de Máster.

7.- Potenciación dos cursos de verán na provincia de Lugo.

8.- Estudos sobre a posibilidade de utilizar a Granxa Gayoso Castro para a realización de prácticas universitarias.

9.- Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías.

10.- Incentivos de Traballos de Fin de Grao e Traballos Fin de Máster.

11.- Impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos.

12.- Estudo sobre a posibilidade de incrementar os fondos existentes na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

13.- Análise das infraestruturas deportivas e docentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com