Deputación e USC impulsan o aproveitamento sustentable da Árnica Montana

A Deputación e a USC impulsan o aproveitamento sustentable e a valorización no territorio das Reservas da Biosfera existentes na provincia de Lugo da Árnica Montana L., unha planta medicinal tradicional que se atopa ameazada en Galicia, coa posta en marcha dun proxecto de investigación orientado a afondar na análise da diversidade xenética desta planta, que presenta propiedades terapéuticas acaídas para a absorción de hematomas e como antiinflamatorio, e que está a experimentar unha crecente demanda por parte da industria farmacéutica.

Os profesores e investigadores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC Manuel Vera Rodríguez, do grupo de Xenética, e Rosa Romero, do grupo de Sistemas Silvopastorais, lideran este novo proxecto de investigación, que conta con máis de 22.000 euros de financiamento por parte da Deputación para as anualidades 2018 e 2019, e a través do que se pretende dar continuidade a estudos xa desenvolvidos na sede universitaria luguesa respecto dos principios químicos responsables das propiedades terapéuticas da Árnica Montana L., unha planta na que se distinguen dous quimiotipos: Español e centro europeo.

O quimiotipo español da Árnica Montana L. é o predominante en Galicia e a súa principal diferencia do quimiotipo centroeuropeo, que é o habitual en países como Alemaña ou Romanía, vén dada polo feito de que as lactonas sesquiterpénicas da súa flor, que son as responsables das propiedades terapéuticas, presentan un menor grao de alerxias asociadas que as atribuídas ás do quimiotipo centroeuropeo da Árnica Montana L.

O obxectivo deste novo convenio entre Deputación e USC abrangue dúas liñas diferentes, como o son a análise da diversidade xenética a nivel inter e intra poboacional de Árnica Montana L. en Galicia, a fin de definir unidades de xestión e establecer estratexias de aproveitamento sostible das súas poboacións; e a posterior posta en marcha de experiencias de cultivo (parcelas experimentais) respectuosas coa conservación da biodiversidade das poboacións naturais de árnica, pero encamiñadas a abrir alternativas rendibles economicamente para o sector agrario galego. Un paso posterior sería o de explorar posibilidades de realizar transformacións en Galicia que vaian mais alá do secado e picado da árnica, coa finalidade de incrementar o valor engadido e a repercusión económica e de creación de emprego.

Alén do positivo impacto económico, outra das vantaxes deste convenio de I+D+i afectan á transferencia de tecnoloxía ao sector agroforestal, xa que os estudos que se desenvolvan poderían permitir poñer a disposición dos agricultores técnicas de cultivo desta planta mediciñal no marco da agricultura ecolóxica que sexan viables técnica e economicamente e que sexan sostibles no tempo e no espazo, contribuíndo o desenvolvemento rural e a fixación de poboación nas zonas rurais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com