O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, presentaron este mércores a 4ª edición de Para estudar, Lugo. É a campaña que promociona o Campus Terra e Lugo como cidade universitaria, e que ofrece aos primeiros estudantes en 10 titulacións da USC lucense descontos do 50% no custo da matrícula. Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais
Grao en Enxeñaría Civil; Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Grao en Lingua e Literatura Españolas; Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultura; Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos; Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas e Grao en Administración e Dirección de Empresas.
Isto grazas ás becas que financia o Goberno Provincial a través do Plan de Choque que mantén co Campus de Lugo, e para o que destina este ano 350.000 euros da Deputación.
Darío Campos sinalou que “poñemos en marcha a 4ª edición desta campaña baixo o lema O teu futuro pasa por Lugo. O meu fíxoo e faino. Síntome orgulloso de formar parte da primeira promoción da Facultade de Veterinaria e de ter exercido a miña profesión na nosa provincia. Hoxe, como Presidente da Deputación, teño o privilexio de contribuír a que o futuro de máis xente tamén pase por Lugo, axudando ás familias a que os seus fillos estuden nunha universidade de primeira.”
“Creo que temos o mellor Campus e a mellor provincia, pola súa xente, pola súa diversa e única paisaxe, patrimonio, gastronomía ou polos seus prezos… para decidir con acerto que o noso futuro pase por Lugo. Queremos contribuír a esta boa elección con esta nova campaña de Para estudar, Lugo”.
Resultados da campaña
Grazas ás tres anteriores edicións da campaña Para estudar, Lugo, o Campus Terra pasou dun nivel de ocupación do 63% no 2013 ao 71% que ten na actualidade. O número de estudantes nas 10 titulacións con descontos no custo da matrícula aumentou nun 9%. Hai casos moi significativos, con graos que se cubriron. Por exemplo, Enxeñería de Procesos Químicos Industriais pasou de ter 18 a 47 alumnos, e Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria de 30 a 45, estando en ambos os dous casos completos este ano.
Datas
O prazo de prescrición atópase aberto ata o 30 de xuño, mentres que para os estudantes que realicen a Selectividade abrirase o día 19. O 11 de xullo publicarase a listaxe de alumnos admitidos, e o día 12 abrirase o prazo de matrícula. Ao mesmo tempo que se solicita a praza nunha das 10 anteriores titulacións, pídese a beca da Deputación para aforrar a metade do custo da matrícula. www.paraestudarlugo.com; www.deputacionlugo.gal e www.usc.es.