Deputación e USC renovan compromiso cun convenio para investigación tecnolóxica

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde; o Reitor da USC Juan Viaño; o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, e Eduardo Valín, conselleiro delegado da Confederación de Empresarios de Lugo, renovaron hoxe o convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus Terra (CITT).

Campos Conde destacou a importancia da colaboración das institucións e entidades que apoian o CITT “nesta aposta polo desenvolvemento, o Goberno da Deputación está sempre disposto a cooperar nese obxectivo e a liderar proxectos que lle dean vitalidade, traballo e riqueza, tanto económica como intelectual, á nosa provincia”. Darío Campos engadiu que na Deputación “estamos sempre a carón da Universidade, hoxe renovamos este compromiso co desenvolvemento de actividades de investigación tecnolóxica, para o que este ano facemos unha achega económica de 9.500 euros, que se suman a outras colaboracións como o convenio para a promoción de Lugo como cidade universitaria, ao que dedicamos 350.000 euros, ou a creación da Granxa Experimental do Campus Terra, un ambicioso proxecto no que investimos máis de 1,3 millóns de euros.

Pola súa parte, o Reitor salientou o importante cometido que está chamado a desenvolver o CITT no contexto do Campus Terra e nomeadamente na súa conexión coa contorna socioeconómica. O reitor da USC argumentou neste senso que un indicador que constata o bo funcionamento desta oficina universitaria radicada en Lugo son os máis de cinco millóns de euros xestionados en 2017 para actividades de I+D+i.

Juan Viaño destacou que os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra da USC no trienio comprendido entre 2015 e 2017 achéganse aos 18 millóns de euros, unha cifra sensiblemente superior aos pouco máis de 14 millóns de euros rexistrados no trienio anterior.

O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) no Campus Terra, segundo sinalou Méndez “está a dar moi bos resultados en canto á transferencia de tecnoloxía e coñecemento cara as empresas. Unha proba deste éxito e xa imos pola vixésimo terceira edición”, dixo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com