O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa Cruz do Picato, José Manuel Núñez Fernández, asinaron este mércores un convenio de colaboración mediante o cal o Goberno Provincial destina 57.000 euros ao arranxo integral do campo da feira de Sobrado, en Baralla. Trátase do lugar de celebración das feiras mensuais que congregan a unha media de 600 veciños con moito valor cultural por situarse ao pé da variante de Künig do Camiño de Santiago.
As actuacións que se poderán levar a cabo grazas ao financiamento íntegro do Goberno da Deputación consisten na rehabilitación integral do alpendre e da zona de aparcamento. Dotarase de novo mobiliario urbano como bancos e mesas.
A maiores, habilitarase un parque biosaudable con aparellos para maiores. Campos Conde subliñou que “esta colaboración enmárcase na nosa aposta por un Deputación co rural, pois melloraremos notablemente un lugar de encontro veciñal, dotándoo de máis e novos servizos, favorecendo a dinamización social desta localidade e contribuíndo á posta en valor deste entorno, que conta cunha importante riqueza patrimonial que queremos promover para que máis xente o coñeza”.
Núñez Fernández agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación, pois “permite poñer en valor este espazo que historicamente foi fundamental para o desenvolvemento socioeconómico do Concello de Baralla”.